5/05/2009

O Concello reurbaniza dúas rúas como achega ao ARI

Esta casa é unha ruína (Artritris)

O convenio que deu lugar á creación da área de Rehabilitación Integral, no que se refire á anualidade de 2006, deu como resultado a execución dun total de 30 proxectos. Dado o positivo do balance, o Concello decidiu tamén pór do seu parte e contratar, por 100.000 euros, a urbanización de dúas das principais rúas da vila.
Trátase dos viarios Barral e Catro Ventos, situados no núcleo urbano de Mugardos e que, en base ao proxecto realizado pola arquitecta Yolanda Díaz, adquirirán un aspecto totalmente renovado, tanto no que se refire á pavimentación como aos servizos. Así, prevese a instalación de novas conducións de auga e rede de sumidoiros e a instalación de canalizacións subterráneas para eliminar das fachadas tanto os cables do servizo eléctrico como os correspondentes á telefonía fixa. No seu día, o Concello puxo o proxecto en mans da empresa Varela Collazo que, actualmente, está pendente dalgúns permisos para comezar coa obra.
En canto ao Área de Rehabilitación Integral de Mugardos cabe recordar que, xunto á real vila, tamén afecta á parroquia do Seixo, que o proxecto pode dar lugar a intervencións nun total de 300 vivendas e que agora están pendentes de investir as dúas seguintes anualidades.
A día de hoxe, dos máis de 773.000 euros previstos só foron empregados menos de 60.000. Por ese motivo, e tratando de incentivar un dos sectores máis afectados pola crise, como é o da construción, o Concello decidiu incentivar á veciñanza, no sentido de pedir máis axudas, enviando a cada unha das casas que poderían verse favorecidas polo ARI, libros e folletos editados pola Xunta sobre as prácticas de rehabilitación.
Por outra banda, desde a administración local de Mugardos recórdase que existe unha oficina de atención e asesoramento técnico para aqueles propietarios que, acolléndose aos incentivos económicos do Estado e a Xunta, teñan interese en acceder aos mesmos para financiar ata un total de 9.000 euros en obras como poden ser reparación de cubertas ou reforma para mellorar a habitabilidade das vivendas.


Sem comentários: