8/09/2012

Beiras di que Reganosa é "un crime político" e reclama o seu traslado


Xosé Manuel Beiras, portavoz da formación política ANOVA-Irmandade nacionalista

Beiras, que se desprazou esta mañá a Ferrol con membros da comisión permanente de Anova, mantivo unha reunión no barrio de Esteiro con membros do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, que agrupa a medio centenar de colectivos cívicos e veciñais que se opón á localización da regasificadora que funciona en Mugardos desde maio do 2007.

O líder de Anova reclamou a execución da última sentenza do Tribunal Supremo, coñecida a primeiros de xuño e que a xuízo do Comité, declara a "ilegalidade total" da planta ao anular a primeira tramitación urbanística que autorizou un cambio nos usos do chan en Punta Promontoiro, onde se levantou a temrinal a poucos metros dun núcleo rural de vivendas na parroquia de Meá.


Mentres os tribunais discutían esta cuestión, o Concello mugardés aprobou unha segunda modificación do PXOM que emendaba os erros da primeira e que desde a Xunta defenderon como o "encaixe legal" que permite a Reganosa seguir na súa actual localización.


"Modificar o marco legal para que un fenómeno criminoso non sexa delituoso é unha prevaricación", dixo o portavoz nacional de Anova.


Xosé Manuel Beiras mostrouse en todo momento crítico coa localización da planta e co castigo legal a un grupo de mariscadores ferroláns, procesados nun xuízo penal por pechar o paso aos gaseros en 2007.


"O peor de todo é o seu perigo para miles de cidadáns nun radio de dous quilómetros", subliñou. "É unha ameaza permanente, unha barbarie e un crime para o que non valen apaños nin hai encaixe legal".


Beiras xa participara fai anos en protestas, manifestacións e peches na comarca ferrolá en contra da terminal que se asenta en Mugardos, un concello gobernado polo BNG, fronte de partidos ao que pertenceu ata este ano.


Hoxe volveu a reclamar o seu traslado ao porto exterior e que "redeseñe" o modelo empresarial da planta para que sexa "unha empresa pública ou mixta".



elidealgallego.com

Sem comentários: