Mostrar mensagens com a etiqueta IES. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta IES. Mostrar todas as mensagens

6/20/2009

“Impresións” desde A Bestarruza

Xavier Correa Corredoira, cun grupo de alumnos cos que acudiu á praia da Bestarruza
Alumnos da ESO e de Bacharelato do IES Mugardos saíron onte cara á praia da Bestarruza acompañados polo artista Xavier Correa Corredoira. Alí descubriron outra forma de mirar a natureza e, cal impresionistas, fixeron os seus propios debuxos a partir dunha experiencia única para vivir a arte como algo propio.
A arte contemporánea está separada da sociedade por unha manchea de prexuízos e tamén polos propios erros comunicativos de quen a fan e a dan a coñecer. Pero no instituto de Mugardos están convencidos de que non hai tal abismo entre creadores e poboación e menos cando se trata de rapaces, abertos como ningúen ó coñecemento. Por iso, por iniciativa do profesor Juan Carlos Freire e co apoio de Manuel Pousa e Marta González, desenvolven desde hai uns meses o programa “Isto faino un neno: como entender a arte contemporánea”. Dentro deste proxecto, polo que se interesaron xa outros centros educativos, incluiuse a presenza en Mugardos do artista Xavier Correa Corredoira.
Rapaces de primeiro da ESO e de Bacharelato desprazáronse con el á praia da Bestarruza. Alí, Correa Corredoira falou con eles da percepción da natureza, do proceso creativo, das cores do mar, dos horizontes... Todo un universo persoal que transmitiu cunha enorme capacidade comunicativa e que tivo “enganchados” ós rapaces de principio a fin. Ademais, igual que se foran artistas impresionistas á captura da luz (ou do vento que soprou en Mugardos na mañá de onte), fixeron os seus propios debuxos do entorno.
Correa Corredoira impartiu á tarde unha conferencia no instituto e despois, xunto con varias figuras da arte galega que colaboraron co proxecto do IES Mugardos, fixo un percorrido pola exposición que ocupa o centro e que o converte nun museo de arte especializado na divulgación das propostas contemporáneas.
Ó longo das últimas semanas, varias obras foron ocupando o espazo. Trátase dun percorrido desde as vangardas de comezos do século XX ata as tendencias máis actuais, pasando pola arte galega e por obras cedidas por estudantes de Belas Artes. Munch, Magritte, Antonio López, Warhol, Picasso, Pollock, Duchamp, Bacon, Hopper, Gauguin ou Mondrian, entre moitos outros, conviven co propio Correa Corredoira, Jano Muñoz, Miguelanxo Prado ou Seoane.
“A miña idea era que o colexio fose unha especie de museo de arte contemporánea, para achegalo á xente e explicalo”, comenta Juan Carlos Freire. Os rapaces foron moi receptivos a unha proposta que os abrangue a todos, sen diferencias nas optativas que elixiran. Nas últimas semanas houbo charlas con artistas, proxeccións e mostras que atraeron incluso a alumnos de Primaria dos colexios da zona. Aínda que a actividade non estaba planificada para eles, “foi moi ben, teñen unha receptividade tremenda”, explica Freire.
A idea está xa a ser estudada por outros centros, que pasarán por Mugardos en verán. Ademais, para o ano que vén teñen pensado ampliar o seu eido de actuación á escultura, á arquitectura e á fotografía. Tamén traballan nunha obra que sexa un complemento didáctico.
Máis alá de metodoloxías e clasificacións, do que se trata e de entender a arte como algo propio. “Temos que vivila e sentila”, puntualiza Freire.

5/20/2009

Artistas do spray no IES Mugardos

O artista Delio, mostrou aos alumnos os rudimentos deste tipo de expresión

Os alumnos do IES Mugardos están este curso máis cerca que nunca da arte contemporánea grazas á iniciativa "Isto faino un neno" , coa que os profesores Manuel Pousa e Juan Carlos Freire queren contaxiarlles a súa paixón pola plástica de vangarda. Onte tocoulle a quenda ao grafiti, unha forma de expresión de definición tan controvertida como a da arte, pero con gran atractivo para os máis novos.

A proposta de que os alumnos puidesen elaborar un grafiti nos muros do instituto atopou candidatos desde o primeiro momento. Cada un presentou o seu debuxo e a selección final recaeu no artista invitado, Delio, un licenciado en Belas Artes que conta con gran experiencia no traballo con mozos. Na mañá de onte atopáronse, no centro mugardés, o mestre e os entusiasmados alumnos, que puideron aprender os rudimentos do spray e comezar a plasmar no muro as súas creacións.

Os grafitis dos estudantes, xunto co que elaborará Delio para o centro, quedarán no instituto como testemuño da inquietude artística da comunidade educativa. Antes visitou o centro o recoñecido debuxante Miguelanxo Prado, que falou aos alumnos sobre as técnicas do cómic, e no que resta de curso os promotores de "Isto faino un neno" teñen previsto organizar novos e apaixonantes encontros entre os rapaces e varios artistas de renome.

O proxecto, comenta Juan Carlos Freire, naceu coa intención de vencer a "desconfianza" que, en xeral, existe cara á arte contemporánea. E a experiencia superou todas as expectativas, posto que conta co apoio do Concello e de diversas institucións museísticas e está previsto que as actividades complétense coa edición dun libro.

A iniciativa plasmouse tamén nunha exposición que se pode visitar xa no instituto mugardés e que aínda crecerá no que resta de curso. A través da mesma o público pode achegarse de forma sinxela á linguaxe e as intencións da arte contemporánea.

A previsión dos profesores é poder manter a mostra aberta durante o verán dentro do propio centro e que despois se converta en itinerante. Ademais dos paneis divulgativos que deseñou a profesora Marta González, a exposición conta con reproducións de obras de diferentes artistas actuais acompañadas dun comentario, feito ex profeso polo autor, na que as comenta para os mozos expectadores.

Última páxina Diario de Ferrol

GZ Crea 09