Mostrar mensagens com a etiqueta Puntos Negros. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Puntos Negros. Mostrar todas as mensagens

7/01/2010

A rías de Vigo e Ferrol reciben bandeiras negras pola súa degradación


Ecoloxistas en Acción tamén dá este distintivo ao porto vigués por carecer de plan director

A ría e o porto de Vigo e a ría de Ferrol son tres dos 40 puntos da costa española que recibiron onte a bandeira negra, outorgada por Ecoloxistas en Acción, no informe "Banderas negras 2010. Caos en la costa", que elabora desde 1999 e que designa os lugares máis degradados do litoral polo urbanismo depredador, as verteduras orgánicas e industriais e pola rexeneración de praias.

No informe destácase a ría de Vigo polo seu alto nivel de contaminación, debido fundamentalmente ao «desastroso estado da rede de saneamento, que fai sobordar todos os aliviadoiros do litoral», e ao penoso estado das depuradoras actuais, «que, máis que mellorar, degradan a calidade das augas con niveis de contaminantes moi superiores aos permitidos pola lei». Isto pon en serio perigo ao sector marisqueiro, engádese.

A ría de Ferrol recibiu a súa bandeira negra dentro do apartado de contaminación industrial na costa. Mantena desde o 2008, debido á construción da planta de gas de Reganosa, «situada ilegalmente e con trampas administrativas dentro da ría, pondo en perigo a vida de moitos miles de persoas e acabando coa pouca vida da ría».

O porto de Vigo tamén recibiu este distintivo negativo porque, a día de hoxe, aínda non conta cun plan director que rexa os seus usos, ao que obriga a Lei de Portos do Estado desde 1993. O informe resalta que a xestión do chan portuario fai que a cidade estea pechada ao mar, pola construción do voluminoso centro comercial A Laxe e a construción dun edificio da Xunta. Tamén se sinala que a ampliación portuaria non ten xustificación.

En canto á rexeneración de praias, indícase que en Galicia, durante os últimos anos, está a trasladarse o proceso de mediterraneización. Os casos máis flagrantes son o novo paseo marítimo do Pindo, en Carnota, e a praia artificial de Caranza, na ría de Ferrol.

Hai un capítulo destinado ao intento de modificación da Lei de Costas que levou a cabo o Parlamento galego, para permitir a desprotección do litoral e a súa privatización.

Ecologistas en acción

La Voz de Reganosa

8/10/2009

Bandeiras Negras en Galicia

Desde o mediodía de antonte dúas bandeiras negras ondean nos espigóns de Massó, en Cangas. Membros do colectivo ecoloxista Verdegaia craváronas alí como símbolo da destrución que provocaría a construción do porto deportivo e tamén como recordatorio de todas as agresións que sofre o litoral galego. Verdegaia elixiu este emprazamento para presentar o seu informe Bandeiras Negras en Galicia. O documento recolle 55 puntos da costa nos que se produciu ou se vai a producir un impacto irreversible para os ecosistemas mariños Con respecto ao ano anterior, o número de bandeiras duplicouse. "Mantéñense todas as bandeiras negras do ano pasado (26) e engadimos moitas máis (29), o que demostra o desinterese da administración e a falta de vontade política por xestionar de forma sostible e conservar a fráxil situación ecolóxica do noso litoral", explica a coordinadora do informe en Galicia, María Ogando. O documento de Verdegaia intégrase nun informe estatal de Ecoloxistas en Acción, que recolle 311 bandeiras negras en toda España.

Correogallego.es


7/28/2009

A Ría de Ferrol a zona "máis degradada" de Galicia

Ecologistas en Acción premiou en 2009 a 55 praias galegas con "bandeiras negras" por unha degradación ambiental alta e con grandes ameazas sobre os seus ecosistemas e o seu socioeconomía, e a 102 lugares con "puntos negros" por tratarse de espazos con pequenos ou puntuais impactos que agravan a situación, segundo alertou hoxe tras a presentación do seu informe "Banderas Negras 2009: la crisis como oportunidad" .
A zona "máis degradada" de Galicia é, para Ecoloxistas en Acción, a Ría de Ferrol, na cal detéctanse "verteduras de distinta natureza, sobre todo de metais pesados", e chama a atención tamén sobre a presenza da regasificadora de Reganosa.

-A Ría de Ferrol tiña no informe de Bandeiras Negras do ano 2008 unha destacable bandeira negra, que era a planta de gas REGANOSA, situada ilegalmente e con trampas administrativas dentro da Ría, pondo en perigo a vida de moitos miles de persoas e acabando coa pouca vida da Ría que fai demasiados anos que foi escollida como a sacrificada de Galicia para salvar o resto. O tempo demostrou non só que decidir sacrificar unha ría non é unha boa decisión, senón que non salvaron o resto das rías e que os intereses particulares poden cambiar moitas vontades e opinións (o PSOE e o BNG, antes de ter cotas de poder co goberno bipartito, estaban en contra desta situación dentro da ría, pero unha vez que tiveron cotas de poder, cambiaron curiosamente de opinión). Hoxe en día os dous accionistas máis destacables de REGANOSA son a Xunta de Galicia e Caixanova-.