11/12/2010

Perigo!! gaseiro 78 cargado con GNL para Reganosa

Cuarta descarga do "LNG ABUJA" en Reganosa 17/12/2009
Mañá, sábado 13 de Novembro está prevista a entrada dun novo gaseiro na Ría de Ferrol, trátase do buque gaseiro "LNG Abuja" un vello gaseiro de 30 anos de antigüidade, que coa súa perigosa carga de Gas Natural Licuado (LNG), para a ilegal Reganosa, faría o nº 78 que entra na Ría desde Maio de 2007, poñendo en alto risco de inseguridade a miles de persoas.

Unha vez máis esta irresponsabilidade non pode quedar sen resposta, é por iso, polo que o Comité Cidadán de Emerxencia decide convocar a CONCENTRACIÓN de protesta, mañá sábado 13 de Novembro de 2010, ás 7 da tarde, na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, en Ferrol.

Antes de que suceda unha catástrofre

Situación do gaseiro "LNG Abuja"

11/10/2010

Endesa implanta con éxito un novo sistema de xestión ambiental nas Pontes


A central térmica de ciclo combinado das Pontes, en servizo desde xuño de 2008, acaba de superar a implantación dun novo sistema de xestión ambiental que se axusta á esixencias ecolóxicas e de desenvolvemento sostible do Parlamento Europeo, segundo indicaron esta mañá fontes da compañía eléctrica nun comunicado.

Endesa sinala que a planta pontesa de ciclo combinado, cunha potencia instalada de 850 megavatios, conta agora cun sistema de xestión ambiental que se axusta "á norma internacional UNE-NISO 14001 e o Regulamento EMAS (sistema comunitario de xestión e auditoria ambiental) do Parlamento Europeo".

A planta pontesa de ciclo combinado de Endesa, está situada xunto á gran central térmica das Pontes, a maior de España con catro grupo electrógenos e 1.400 megavatios de potencia.

Esta central de ciclo combinado, máis pequena, nútrese do gas procedente da regasificadora de Reganosa en Mugardos, a través dun gasoduto, e conta con dúas turbinas de gas, dúas caldeiras de recuperación de calor e unha turbina de vapor "o que lle reporta rendementos próximos ao 57%".

O sistema implantouse tras "todo un ano de traballo en 2009" e o obxectivo fundamental deste novo mecanismo de xestión ambiental é, segundo Endesa, "facilitar e demostrar o cumprimento dos requisitos legais e regulamentarios, promover a mellora, avaliar periodicamente as actividades que presentan unha compoñente ambiental por medio de auditorías, e difundir información sobre o comportamento ambiental".

As melloras ambientais pasan por "un maior control das emisións atmosféricas, a minimización dos residuos, maior control de consumos e adecuación ambiental das instalacións".

Endesa, explica que o organismo certificador AENOR, considerou probado que se alcanzaron as metas establecidas".

abc.es

11/08/2010

O Galicia de Mugardos deulle a volta ao partido nos últimos minutos

Ao fin logrou o Galicia de Mugardos sacar rendibilidade ao seu mellor xogo e ocasións nun partido no que os de Ferrolterra demostraron, ademais, a enteireza suficiente como para refacerse tras encaixar un gol e conseguir darlle a volta ao marcador. Os mugardeses comezaron o duelo con moita intensidade e froito do seu dominio do xogo chegaron varias accións de perigo que, con todo, non foron capaces de transformar. A partir de aí, o enfrontamento foise difuminando nunha loita no centro do campo, sen demasiadas aproximacións por ningunha das dúas partes.

Tras a continuación, a contenda seguiu nivelada pero, aos poucos, o Galicia de Mugardos volveu impor o seu mellor xogo e a xerar ocasións de gol. Con todo, un fallo defensivo propiciou que tras un saque de esquina, Javi Chinchón rematase libre de marca para abrir o marcador para o Foz no minuto 75. O duro mazazo deixou auturdido durante uns instantes ao equipo de Germán Amil que, con todo, volveu á carga e a crear moito perigo. Unha acción entre Grueiro e Juan Jesús traduciuse no empate e, a tres para o final, Puchi sentenciou cun impresionante tiro desde a frontal.

Foz: Bruzos, Nacho, Mutiu (Rivera, min. 63), Pablo, Javi Chinchón, Dani Chinchón, Rubén, David (José, min. 46), Dubi, Diego e David Rodríguez.
Galicia de Mugardos: Agustín, Rubén, Jorge, Adrián Martínez, Manuel, Grueiro, Óscar Pérez (Rouco, min. 90), Juan Jesús, Maikel (Rebolo, min. 65), Rubén Seco e Vituco (Puchi, min. 80).

Árbitro: Vázquez García, asistido por Carreira Parrado e López Fernández. Amoestou ao local Mutiu e aos visitantes Manel e Grueiro.

Goles: 1-0 min. 75: Javi Chinchón; 1-1 min. 85: Grueiro; 1-2 min. 87: Puchi.

Campo: Martínez Otero.

11/01/2010

O Galicia de Mugardos non puido co acerto do Betanzos

O Galicia de Mugardos segue sen conseguir que o bo xogo despregado durante gran parte dos seus choques teña como premio un triunfo e onte ante o Betanzos volveu a repertir o guión doutros enfrontamentos pasados.
Os locais disputaron unha boa primeira parte na que conseguiron inaugurar o marcador da man de Maikel tras un pase de Óscar e ata contaron con outra clara ocasión pouco despois para aumentar a súa renda. Con todo, foi o Betanzos, aspirante a ocupar os postos de ascenso ao final da campaña, o que logrou o gol con certa fortuna, posto que un centro de Corredoira termina na meta mugardesa grazas a un refacho de aire, unha circunstancia dificilmente predicible polo porteiro local que non puido evitar o tanto. O Betanzos aumentou a súa conta goleadora da man de Gómez tras un despexe local dun saque de esquina, polo que se foi coa mínima vantaxe ao descanso.
Na segunda parte, o equipo visitante fixo todo o posible para acelerar o final do encontro con recorrentes perdas de tempo, unha situación que terminou por desesperar a un Galicia de Mugardos que tivo que sufrir outro tanto na recta final do choque, rapidamente contestado por outro de Seco. Óscar tivo nas súas botas un empate que non chegou e o pouco tempo engadido polo colexiado impediu novos intentos.

10/27/2010

Avanzan as denuncias contra Reganosa no Parlamento Europeo

Nota de Prensa do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

A Comisón de Peticións do Parlamento Europeo, en sesión celebrada o 25 de outubro, acordou seguir tramitando a denuncia contra a ilegal e perigosa Planta de Gas de Reganosa, que fora presentada por Esquerda Unida e o Comité Cidadán de Emerxencia, e que foi defendida nesta sesión polo eurodeputado de EU, Willy Meyer, do Grupo Confederal Esquerda Europea e vicepresidente da citada Comisión de Peticións.

Segue tamén o seu trámite, na Comisión Europea, outra denuncia (Refª: Ayudas de Estado-CP 309/2007, de 29.10.07 e alegacións complementarias posteriores) ante a Dirección General de la Competencia, presentada pola A. VV. "O Cruceiro de Meá" e a Federación Veciñal "Roi Xordo".

Confiando que o esforzo permanente de oposición da cidadanía e a xustiza (tal como ten confirmado en varias sentenzas o noso Tribunal Superior) acaben co perigo e o despilfarro económico a que esta Planta de Gas nos somete, proseguiremos na nosa demanda, como hai más de unha década vimos facendo.

Antes de que suceda unha catástrofre

Comité Cidadán de Emerxencia

Bruselas seguirá investigando a Reganosa

10/25/2010

Os erros no remate condenaron ao Galicia de Mugardos á derrota

A ineficacia diante da meta contraria volveu xogar unha mala pasada ao Galicia de Mugardos na súa visita ao terreo de xogo do C.D. Dornea, co que perdeu por un apertado 1-0.

O conxunto de Germán Amil foi mellor que o seu adversario e dispuxo das mellores oportunidades para marcar, pero non acertou ningunha e ao final custoulle a derrota. Rubén Seco puido adiantar aos mugardeses, aos oito minutos, pero o seu remate saíu rozando o poste. Ao fío do descanso foi Adrián o que non acertou a enviar o balón á rede dentro da área pequena.
Na segunda metade a situación transcorreu dunha forma similar, xa que as opcións para adiantarse eran visitantes. Juan Jesús e Rubén Seco desperdicieron dous lanzamentos que acabaron nas mans do porteiro.

Aos 79 minutos, o Dorneda quedou cun home menos, o que parecía unha vantaxe para o Galicia. Con todo, non soubo aproveitala e, por contra, o seu adversario púxose por diante nun remate dunha falta a cargo do lateral Afonso, ante a pasividade da defensa mugardesa. Ese tanto foi unha laxa difícil de superar, polo que os puntos quedaron na marcadora local.

Dorneda: Manu, Afonso, Jacobo, Modesto, Héctor, Adrián, Miguel, David (Alberto, min. 80), Pou (Miguel Anxo, min. 80), Élmer e Cheki (Martín, min. 57).
Galicia de Mugardos: Óscar (Agustín, min. 35), Rubén, Jorge, Adrián, Sanmartín, Manel, Óscar Pérez (Míchel, min. 87), Juan Jesús, Maikel, Rubén Seco e Vituco (Puchi, min. 79).
Árbitro: Matías Otero, do colexio pontevedrés. Amoestou con cartón amarelo aos xogadores visitantes Óscar e Manel e aos locais Adrián, Elmer, Cheki e a Modesto, en dúas ocasións.
Goles: 1-0 min. 85: Afonso.
Campo: Pardo Conchado.

Diario de Ferrol

10/22/2010

Reganosa pódenos saír ben cara

Nota de Prensa do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

A Xunta de Galiza vai desembolsar 7 millóns de euros que xunto aos 5 millóns aportados nos anos anteriores suman un total de 12 millóns de euros de cartos públicos invertidos nunha empresa privada e que ten o futuro seriamente comprometido polas seguintes cuestións:

1.Inseguridade xurídica.

Recordemos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou dúas sentencias en contra da tramitación ambiental seguida por Reganosa. A falta do estudio de impacto ambiental foi a causa determinante de estas sentencias. Catro anos despois aínda están pendentes de resolución os recursos que Reganosa presentou no Tribunal Supremo de Madrid.

Máis recentemente, no ano 2009, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulaba as modificacións realizadas no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Mugardos e que facilitaron a instalación de Reganosa en Punta Promontorio.

Reganosa ten outros 8 pleitos pendentes de resolver....

2. Incerteza sobre as retribucións que percibirá do sistema gasista.

Estás retribucións son os únicos ingresos de Reganosa, e os acada, independentemente da produtividade que teña a instalación. Cobraría as mesmas cantidades aínda que non regasificara un litro de gas. Dende hai uns meses o goberno do Estado está deseñando unha nova planificación enerxética que podería afectar negativamente a Reganosa .

O abastecemento de gas a Galicia está garantido. Actualmente xa existe o gasoducto de Tui-Llaneras que ten unha capacidade superior en 2,5 veces a produción actual de REGANOSA.

3. Elevado déficit e alto custo de financiamento.

Reganosa construíuse e iniciou o funcionamento no ano 2007, cun crédito de máis de 370 millóns de euros. O crédito foi facilitado aos promotores por un grupo de bancos BBVA e CAIXA GALICIA, RBS e outros. A amortización de este crédito e o pago dos intereses supón un importante lastre para Reganosa que debe amortizar anualmente 20 millóns de euros e pagar xuros por un importe de 12 millóns de euros.

4. Perdida do Control da Empresa.

O verdadeiro control de esta empresa está polo tanto nas mans dos bancos crediticios, que o exercen a través das numerosas garantías que Reganosa lles tivo que outorgar.
Reganosa, debido a esta situación, ten limitadas: a capacidade de endebedamento, a capacidade de gasto e incluso o reparto de beneficios no caso que os houbese.

Débese ter en conta que entre os numerosos avales entregados aos bancos crediticios incluíuse o dereito de prenda sobre as accións dos socios - entre elas as de ENDESA, CAIXA GALICIA, CAIXA NOVA E BANCO PASTOR - que agora están á venda.

Os bancos crediticios polo tanto, poderían obrigar a amortizar adiantadamente parte do crédito, co diñeiro que pagase un terceiro pola titularidade destas accións.

Aquí temos o papel da Xunta de Galicia: compra as accións co noso diñeiro, garante que as tremendas ganancias dos bancos se perpetúen ante un inminente risco da perda do negocio, e de paso, a Xunta contribúe a que o gas natural nos saia algo máis caro a tod@s os consumidor@s.

Resulta asombrosa a sensibilidade da Xunta ante a mínima percepción de risco por parte da banca e a inmediata resposta con cargo aos cartos públicos. O verdadeiro perigo que mantén ameazada a poboación, e a contínua destrución da ría de Ferrol, deben seguir esperando.

Reganosa pódenos saír ben cara.

Ferrol a 22 de Outubro de 2010

Comité Cidadán de Emerxencia

diário liberdade

Perigo!! gaseiro 77 cargado con GNL para Reganosa

Mañá, sábado 23 de Outubro está prevista a entrada dun novo gaseiro na Ría de Ferrol, trátase do buque gaseiro "LNG Lokoja" que coa súa perigosa carga de Gas Natural Licuado (LNG), para a ilegal Reganosa, faría o nº 77 que entra na Ría desde Maio de 2007, poñendo en alto risco de inseguridade a miles de persoas.

Unha vez máis esta irresponsabilidade non pode quedar sen resposta, é por iso, polo que o
Comité Cidadán de Emerxencia decide convocar a CONCENTRACIÓN de protesta, mañá sábado 23 de Outubro de 2010, ás 7 da tarde, na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, en Ferrol.

Antes de que suceda unha catástrofre

10/18/2010

A falta de puntería en ataque privou ao Mugardos da vitoria

Exhibición ofensiva dos locais, que recibiron dous tantos en dous fallos defensivos

Galicia de Mugardos e Dubra ofreceron onte un encontro moi disputado na Pedreira e que finalizou en táboas (2-2). A pesar de que os visitantes conseguiron adiantarse por dúas veces no marcador, o cadro local foi un auténtico ciclón de fútbol ofensivo e tan só a mala sorte dos seus homes de ataque nos últimos metros privoulles de conseguir a vitoria.

Unha vitoria que por lóxica e ocasións puido ser avultada. No entanto, o peso psicolóxico da mala situación do equipo neste arranque ligueiro parece que lle está pasando factura en accións concretas ao equipo que prepara Germán Amil, pois en facetas defensivas continúan concedendo moito ao rival. Ante o Dubra non foi unha excepción e, un erro do meta Oscar e outro da liña defensiva, condenou ao equipo a ir por dúas veces por baixo no marcador e ter que remontar. O Dubra mostrouse sólido en facetas defensivas e escaso de puntería nos postos de ataque.

Galicia Mugardos: Oscar, Rubén, Rouco (Esteban, min. 75), Jorge, Manuel, Grueiro (Juan Jesús, min. 46), José (Michel, min. 75), Oscar Pérez (Dani Eume, min. 69), Maikel, Rubén Seco e Vituco.
Dubra: Manuel, Pablo, Jacobo, Nacho Valdés (Juan Caneda, min. 85), Louro, Liñares, Adrián Mato, Jorge (Roberto, min. 11), Dani, Leites e Anxo (Toño, min. 90).
Árbitro: Del Río Amor (A Coruña). Mostrou cartón amarelo aos locais Manuel, Grueiro e Esteban. Polos visitantes vírona Pablo, Louro e Roberto.
Goles: 0-1, min. 4: Dani; 1-1, min. 5: José; 1-2, min. 66: Dani; 2-2, min. 74: Jorge.
Campo: A Pedreira. Uns 200 espectadores.

elcorreogallego.es

10/16/2010

Perigo!! gaseiro 76 cargado con GNL para Reganosa


O lúns, 18 de Outubro está prevista a entrada dun novo gaseiro na Ría de Ferrol, trátase do buque gaseiro "LNG Benue" que coa súa perigosa carga de Gas Natural Licuado (LNG), para a ilegal Reganosa, faría o nº 76 que entra na Ría desde Maio de 2007, poñendo en alto risco de inseguridade a miles de persoas.

Unha vez máis esta irresponsabilidade non pode quedar sen resposta, é por iso, polo que o Comité Cidadán de Emerxencia decide convocar a CONCENTRACIÓN de protesta, o lúns, 18 de Outubro de 2010, ás 7 da tarde, na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, en Ferrol.

Antes de que suceda unha catástrofre



Comité Cidadán de Emerxencia