9/18/2010

Os opositores de Reganosa denuncian que a Xunta só axuda a Tojeiro

O Comité Cidadán de Emerxencia (CCE) para a Ría de Ferrol criticou onte a decisión da Xunta de Galicia de incrementar o seu accionariado en Reganosa co obxectivo de manter a "galeguidade" da planta de gas de Mugardos denunciando que esta acción "só favorece ao Grupo Tojeiro". Así, desde o Comité incidiron en que a instalacion da regasificadora é "ilegal, perigosa, deficitaria e innecesaria" froito dun "proceso continuado de corrupción política e económica".

Durante a rolda de prensa os membros do CCE aseguraron que non existen motivos para manter activa a planta de gas, para o que aducieron os resultados do informe elaborado por Enagas con datos relativos a 2009.

Así, os principais argumentos do Comité, extraidos do informe elaborado por Enagas, céntranse no "escaso" redimiento da planta, que presenta o menor cociente de utilización do sistema gasístico español, cun 35%, un descenso do 25% en regasificación durante o pasado exercicio e unha baixada do 40% na contratación.

Ademais, aínda que a regasificadora rexistrou o pasado ano uns beneficios de 10 millóns de euros, Humberto Fidalgo, membro do Comité e de Adega, apuntou que "a planta de gas gaña, traballe ou non traballe, porque cobra do fondo de retribución estatal", e afirmou que "é inmoral que Feijóo presuma dos seus beneficios".

Finalmente, Fidalgo engadiu que o gas sería máis barato en Galicia se non existise Reganosa. "Os 61 millóns de euros que percibe pagámolos no recibo do gas, é unha instalación deficitaria e innecesaria que provoca que os consumidores teñan que asumir un sobrecusto".


xornal.com

Sem comentários: