10/11/2010

REGANOSA


Opinión de Amadeo Varela. Luns, 11 de Outubro de 2010

Hai algúns días, os medios de comunicación trouxeron dúas noticias que, estando relacionadas entre si, poderíanse considerar contraditorias. Unha é a de que varios accionistas de Reganosa, entre eles tres entidades bancarias, vendían as accións que posuían; a outra, a de que a Xunta vai mercar parte das accións que as outras venden.

Este asunto de compravenda de accións non tería maior comentario, por seren operacións relativamente frecuentes no mundo das finanzas. Mais neste caso concreto conflúen circunstancias un pouco raras, e xa que logo, convén profundizar un pouco no tema por mor de tentar atopar respostas a varias preguntas que poderían xurdir, como por exemplo: ¿É verdade que a mentada planta produce importantes beneficios? E pola outra, ¿terán razón os que afirman que a planta non é rendable e que produce perdas? Se hai beneficios, ¿por qué venden os bancos? E se hai perdas, ¿por qué compra a Xunta? Para un observador pouco entendido, a deserción das entidades bancarias parécese a unha fuxida ante o presentimento dun próximo e inevitable naufraxio “do negocio”. E por parte dos responsables da Xunta, a súa actitude nestes tempos de crise, parécese á do cazador que “dispara coa pólvora do Rei”, co pretexto de manter a galeguidade da empresa.

Mais manter esa galeguidade dunha empresa con perdas, significa galeguizar esas perdas, para pagalas entre todos os galegos.

Eu coido que non acertan os da Xunta e que non hai beneficios, porque se os houbese, ¿por qué non mercan eles as accións cos seus propios cartiños? Eis a pregunta clave.

Diario de Ferrol

Sem comentários: