6/14/2012

A sentenza contraria á Reganosa abre unha ofensiva legal para trasladar a planta


A pasada semana o Tribunal Supremo converteu en firme a sentenza de 2008 que anulaba a modificación do PXOM de Mugardos realizada expresamente para permitir a instalación da planta de gas de Reganosa. A sentenza do Supremo deixaba claro, ademais, que a planta carece dos permisos ambientais para a a súa instalación e funcionamento, e viña unirse a un longo ronsel de sentenzas contrarias á empresa. Porén, até agora a lentitude da xustiza, e grazas a distintas manobras dilatorias, recursos e alegacións, Reganosa viñera esquivando a paralización da súa actividade. 
De igual xeito, a semana pasada o presidente da Xunta e mais o alcalde de Mugardos afirmaban que a sentenza do Supremo non afectaría á empresa, e agarrábanse á nova modificación do PXOM, que debe ser aprobada pola Xunta para entrar en vigor e evitar que a planta opere sen os necesarios permisos. Porén, o Comité Cidadán iniciou a pasada semana unha ofensiva legal para esixir que a planta cese a súa actividade e para evitar que a Xunta aprobe a nova modificación do ordenamento municipal. Nada máis coñeceren a sentenza, os voceiros da plataforma cidadá xa advertiran que "unha vez anulado o permiso para a instalación da planta, todas as autorizacións irán caendo en cascada"
A avogada do Comité Cidadán, Patricia Gabeiras, debullou os argumentos utilizados por Núñez Feijoo e Fernández Barcia para defender a legalidade da planta, e acusounos de "faltar á verdade". Lembroulles, así mesmo, que se persisten no seu intento de aprobar unha nova modificación do PXOM para legalizar a planta estarían incorrendo "nun delicto de prevaricación" . Foi rotunda ao afirmar que o Tribunal Supremo anulou a licencia de actividade de actividade, polo que esixiu a súa paralización inmediata, o que deriva, por exemplo, en que Reganosa non estaría cuberta por un seguro, no caso de haber un accidente, segundo Gabeiras. [Ler máis]



ferrolsuso.blogspot
 Ártabra 21

Sem comentários: