5/04/2014

A triste lousa de unha inxusta orfandade


Por Bernardo Maiz [*]
03.05.2014
Gabriel Toimil García naceu no antigo Hospital de Caridad rematando outubro do 1937, paríndoo a súa nai baixo a vixilancia dun garda armado pois estaba sometida á xurisdición militar de guerra. O día 16 de novembro a nai co seu fillo retornou ao cárcere de mulleres, na traseira do convento da Compañía de María, onde, despois de dúas detencións e liberacións anteriores, levaba presa dende o 19 de abril de 1937 baixo a acusación de rebelión militar, exercida, irónica e tristemente, por quen se rebelaran en xullo do 1936 contra o lexítimo goberno republicano. Nun inmisericorde consello de Guerra a mugardesa Amada García, de 28 anos, foi condenada a morte o 3 de decembro do 1937, sendo pasada por las armas no castelo de San Felipe con outros sete compañeiros na mañanciña do día 27 de xaneiro de 1938. Apenas media hora antes o pai de Amadita, unha súa tía e o seu home reembarcaran co neno Gabriel no bote no que se achegaran á rampla do castelo; ao atracar en Mugardos escoitaron os disparos do pelotón de fusilamento.
Gabriel, sen nai e cun pai distante, criouse cos avós maternos en Ferrol Vello, indo ao mar no bote Gabrieliño ou no bote Amadita co seu avó pescador, acompañando a súa avoa vender peixe na praza. Estudou bacharelato, foi mariñeiro, entrou en Bazán, casou, tivo dúas fillas, netas, gañou o respecto de tantos que moito o apreciamos e foi feliz ... Relativamente, pois sempre cargou coa triste lousa da súa tan inxusta orfandade, anguria apenas compensada co orgullo de ser fillo dunha nai asasinada só por «ser mujer y republicana», unha muller que exercera e defendera os seus dereitos cívicos en igualdade.
Este 2 de maio, de mañanciña, recibín un recado de Amada Toimil: «Solo decirte que mi padre ha muerto». Con todo o meu agarimo, vaia esta nota na súa lembranza.
obituario gabriel toimil garcía (1937-2014)
[*Bernardo Máiz Vázquez, Ferrol 1950, profesor, mariñeiro, historiador e activista. Leva toda unha vida, entre moitas outras iniciativas, a recuperar a memoria histórica da "longa noite de pedra" que foi a Ditadura fascista do franquismo: a vida, a represión, a resistencia, ... autor do libro "Galicia na IIª República e baixo o franquismo" - 1988, e doutros moitos estudos, artigos, libros e traballos compartidos.

Sem comentários: