Mostrar mensagens com a etiqueta ADEGA. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta ADEGA. Mostrar todas as mensagens

7/03/2012

A Xunta autorizou dragar a ría de Ferrol agochando os seus propios informes ambientais en contra



 
Logo de ter denunciado diante da Fiscalía e da Comisión Europea as irregularidades cometidas pola Xunta e o Ministerio no dragado da ría de Ferrol, o Valedor do Pobo vén de achegar a ADEGA unha información chave que demostra até onde chega a chafallada administrativa neste asunto. O Valedor destapa un pdfinforme técnico do Servizo de Conservación da Natureza (2,87 MB) reiteradamente ocultado pola Xunta, que considera o dragado "ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies presentes", nunha área (LIC Costa Ártabra) parte da Rede Natura 2000. Primeiro, Xunta e Portos aproban un proxecto sen os informes preceitivos. Logo de comezadas as obras a Xunta cociña unha autorización ambiental para "salvar a cara" baseada nun suposto informe técnico, documento que non figura no expediente. E finalmente, coas obras xa rematadas aparece o devandito informe que, curiosamente, recomendaba a non execución da obra polos seus impactos sobre hábitats e especies en perigo de extinción.





          [Ler máis]


7/25/2010

Adega censura o plan de dragado da ría de Ferrol

Ría de Ferrol (f. goiriz)


A asociación ecoloxista Adega presentou as súas alegacións ao proxecto de dragado e voadura de fondos mariños para a ría de Ferrol presentado pola Autoridade Portuaria. Adega subliña o alto impacto ambiental que a actuación prevista terá para a biodiversidade da zona e censura que a "finalidade última" deste proxecto sexa "facilitar a entrada de gaseiros á planta de Mugardos".

A entidade recorda que a zona de actuación está dentro dun área catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Costa Ártabra, incluída na Rede Natura. No espazo afectado, indican, existen hábitats prioritarios de gran valor ecolóxico cunha importante biodiversidade. Só dous das formacións rochosas afectadas polo proxecto, sinalan como exemplo, albergan 65 e 83 especies mariñas diferentes.

3/26/2010

Adega denuncia que Reganosa verte augas residuais á ría ferrolá



A organización ecoloxista Adega denunciou onte que a empresa Reganosa, situada no concello de Mugardos, verteu 113 millóns de metros cúbicos de augas residuais á ría de Ferrol dende a entrada en funcionamento da pranta regasificadora en 2007.

A organización asegura que a compañía, cun 10% en mans da Administración autonómica, tiña que acollerse a uns parámetros máximos nas súas verteduras ao mar. Neste sentido, segundo as imposicións da Consellería de Medio Ambiente, Reganosa ten que presentar datos concretos nos que se demostre que as concentracións de cloro residual non exceden os valores de 0,1miligramos por litro e que a auga vertida ten unha variación de temperatura inferior a seis graos.

“Para controlar os parámetros de calidade do efluente, a Xunta esixiu a Reganosa que contara cuns medidores en continuo de cloro residual e temperatura tanto á entrada do sistema de captación da auga como á saída das verteduras”, sinalan dende Adega.

No entanto, segundo comentan, recentemente se deu a coñecer no Parlamento galego que Reganosa “foi sancionada con 9.000 euros por non ter instalado o dispositivo para a medición do cloro”.

Por iso, Adega acusa á Xunta de seguir permitindo que a empresa incumpra as condicións que lle foran impostas para permitir algunhas verteduras e que continúe sen achegar datos.

“O máis grave é que este comportamento, incumprindo os termos da autorización administrativa e ocultando unha información de capital importancia para a saúde da ría, está a ser consentida pola Xunta, xuíz e parte neste caso”, recalcan dende Adega.


xornal.com

Ártabra 21

A nosa Terra

10/13/2009

ADEGA pide a anulación do permiso de vertedura a REGANOSA

Por reiterados incumprimentos do permiso e ocultación de información

A Planta de gas de REGANOSA, mesmo dende a súa entrada en funcionamiento en novembro do 2007, vén incumplindo os termos da autorización de Augas de Galicia para a vertedura de augas residuais industriais á Ría de Ferrol (Resolución do 13 de decembro do 2005).
Nestes 2 anos, REGANOSA xa leva vertidos 93 millons de m3 de auga tratada con hipoclorito sódico, ocultando as concentracions de cloro que realmente verte á Ría de Ferrol así como as temperaturas das augas vertidas.
REGANOSA utiliza a auga do mar no proceso de regasificación do gas natural, xa que o gas chega á planta nos buques en estado líquido a unha temperatura de –169 ºC. Permanece almacenado nos tanques en forma líquida até o momento de ser introducido nos gasodutos, que é cando precisa ser quentado para lle devolver o seu estado gaseoso.
Neste proceso de regasificación REGANOSA bombea auga da ría e a fai pasar por un intercambiador de temperatura, quecendo o gas natural para pasalo ao estado gasoso. No proceso, a auga mariña sufre un notable enfriamento previa a ser devolta á ría.
Amáis disto, REGANOSA engádelle cloro á auga do mar en forma de hipoclorito sódico (lixivia) coa fin de esterilizar a auga captada e impedir que algas, mexilóns e outros organismos obstrúan as tubarías do sistema de refrigeración.
A autorización de vertedora a REGANOSA por parte de Augas de Galicia está sometida a certas condicións:
-A oscilación de temperatura entre a auga captada e a vertida non sea superior a -6ºC.”
-A concentración de Cloro non pode ser superior a 0,1mg/litro”.
Reganosa presenta, tanto para o cloro como para a temperatura, uns valores promedio que non teñen correlación algunha cos valores límites autorizados por Augas de Galicia. Estas medicións teñen que ser realizadas EN CONTINUO e presentarse con periodicidade mensual e na forma establecida no permiso de vertedura, ao organismo público Augas de Galicia. Portanto, REGANOSA está a furtar información á administración e á cidadanía, xa que a información que está obrigada a presentar nunca foi entregada por REGANOSA á administración.
Por esta razón, ADEGA volta a solicitar a Augas de Galicia a información referente aos níveis de cloro e temperatura que no seu momento determinou através da resolución do 13 de decembro do 2005. E dado o reiterado incumprimento desta, solicitamos a revogación /anulación do permiso de vertedura a REGANOSA.