10/05/2009

O Galicia móstrase efectivo e escapa de postos de descenso

O Galicia de Mugardos sumou a súa segunda vitoria consecutiva no seu desprazamento ao terreo de xogo do Sporting Sada, ao que superou por un claro 0-3.
Desde o inicio, o cadro visitante saíu decidido a buscar a portería contraria en busca dos tres puntos, aínda que durante a primeira parte ningunha das dúas formacións gozou de claras oportunidades para porse con vantaxe no tenteador. Desta forma, ao descanso chegouse co resultado de 0-0.
A segunda parte foi moi diferente, xa que só houbo que esperar dous minutos para ver o primeiro gol. Foi nunha acción de estratexia do conxunto mugardés, que rematou ao fondo da rede Manel. Esa acción deu tranquilidade aos pupilos de Cata e obrigou ao Sporting Sada a tomar máis riscos, polo que o seu adestrador deu entrada a dous novos dianteiros no terreo de xogo.
Con todo, o Galicia controlaba a situación e os seus futbolistas mostrábanse moi cómodos sobre o céspede. O enfrontamento quedou case sentenciado no minuto 79. Tenreiro colleu o balón ao bordo a área e lanzou un potente lanzamento lonxe do alcance do meta contrario.
A partir dese momento, o choque tivo só a cor verde dos mugardeses, xa que o seu rival parece que baixou un pouco os brazos. Case na recta final da contenda, Pablo Lorenzo situou o 0-3 final cunha bonita xogada persoal. Desa forma, os tres puntos marcháronse para Mugardos ante a decepción dos afeccionados sadenses.
O Galicia de Mugardos B recupera o liderado ao gañar na Pedreira aos da Capela por 2-1

Sem comentários: