5/23/2009

Case cen leiras das Pontes serán expropiadas debido ao gasoduto

Un gasoduto no meu xardín

Un dos ramais do gasoduto que promove Regasificadora do Noroeste (Reganosa) na comarca afectará a máis dun centenar de parcelas, 92 no municipio das Pontes e 41 no de Cabanas. Os restantes 146 terreos afectados pertencen aos concellos de Ares, A Capela, Mugardos e Fene.

A Delegación do Goberno en Galicia fixou para o próximo 25 de maio o pago do justiprecio da expropiación de Cabanas. O día 28 abonaranse os pagos no municipio das Pontes. Sete parcelas de Cabanas e unha ducia das Pontes figuran con propietario descoñecido.
O gasoduto Mugardos-As Pontes-Guitiriz e o ramal á central de ciclo combinado das Pontes e as súas instalacións auxiliares imporá expropiacións e servidumes de paso en seis concellos.
A condución percorrerá 35 quilómetros e desviarase na zona das Fragas do Eume, unha contorna natural protexido. No proxecto inicial esta zona tamén resultaba afectada.
O Goberno galego deu luz verde en 2005 á declaración de impacto ambiental do proxecto que parte da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos. Un tramo máis pequeno do gasoduto, de 13 quilómetros, discorrerá por Xermade e Gutiriz, en Lugo, onde conectará coa rede de Enagás.
O Consello da Xunta de maio de 2007 aprobou de forma definitiva o proxecto sectorial do gasoduto de Mugardos a Guitiriz e o seu ramal ás Pontes. O mesmo día aprobou tamén o proxecto do gasoduto de Mugardos a Sabón, os seus dous tramos e o seu ramal á central de Meirama. Cada un dos propietarios afectados pola expropiación recibiu xa unha carta de citación para acudir ao pago dos justiprecios. Ao longo de toda a semana próxima efectuaranse todos os abonos nos seis concellos.
Reganosa tamén promove a construción doutro gasoduto que afecta á comarca do Eume, o que parte de Cabanas, cruza por Betanzos e Abegondo e desemboca en Sabón. Este ramal pasa polo monte veciñal Coto de Trapa, en Pontedeume. Neste caso as tubaxes non entrarán nas Fragas do Eume aínda que si ata a súa entrada.
Pontedeume tamén se ve afectado por outro gasoduto máis, o que promove a empresa Gas Directo e que afectará a 232 leiras e camiños do municipio, propiedade de veciños, o Concello, a Xunta, o Ministerio de Fomento e varias empresas. Gas Directo, pertencente a Unión Fenosa e Cepsa, distribuirá gas natural no municipio eumés. Neste caso o trazado afectou a dous ríos.


laopinióncoruña.es

En Chuza

5/20/2009

Perigo!! gaseiro 45 cargado con GNL para Reganosa

LNG "Cheikh El Mokrani" atracado na planta de gas de Reganosa en Mugardos (Febreiro 2008)

O "Cheikh El Mokrani", un gaseiro cargado con miles de toneladas de GNL, ten prevista a entrada na Ría de Ferrol, para a ilegal e perigosa Reganosa, é por isto polo que o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha acción de protesta en Ferrol este Xoves 21 de Maio, ás 7 da Tarde, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, na Praza Amada García.
Este sería o 45 buque gaseiro que atraca no peirao de Reganosa en Punta Promontorio, Meá, Mugardos.

Colectivo Ártabra 21

En Chuza

Artistas do spray no IES Mugardos

O artista Delio, mostrou aos alumnos os rudimentos deste tipo de expresión

Os alumnos do IES Mugardos están este curso máis cerca que nunca da arte contemporánea grazas á iniciativa "Isto faino un neno" , coa que os profesores Manuel Pousa e Juan Carlos Freire queren contaxiarlles a súa paixón pola plástica de vangarda. Onte tocoulle a quenda ao grafiti, unha forma de expresión de definición tan controvertida como a da arte, pero con gran atractivo para os máis novos.

A proposta de que os alumnos puidesen elaborar un grafiti nos muros do instituto atopou candidatos desde o primeiro momento. Cada un presentou o seu debuxo e a selección final recaeu no artista invitado, Delio, un licenciado en Belas Artes que conta con gran experiencia no traballo con mozos. Na mañá de onte atopáronse, no centro mugardés, o mestre e os entusiasmados alumnos, que puideron aprender os rudimentos do spray e comezar a plasmar no muro as súas creacións.

Os grafitis dos estudantes, xunto co que elaborará Delio para o centro, quedarán no instituto como testemuño da inquietude artística da comunidade educativa. Antes visitou o centro o recoñecido debuxante Miguelanxo Prado, que falou aos alumnos sobre as técnicas do cómic, e no que resta de curso os promotores de "Isto faino un neno" teñen previsto organizar novos e apaixonantes encontros entre os rapaces e varios artistas de renome.

O proxecto, comenta Juan Carlos Freire, naceu coa intención de vencer a "desconfianza" que, en xeral, existe cara á arte contemporánea. E a experiencia superou todas as expectativas, posto que conta co apoio do Concello e de diversas institucións museísticas e está previsto que as actividades complétense coa edición dun libro.

A iniciativa plasmouse tamén nunha exposición que se pode visitar xa no instituto mugardés e que aínda crecerá no que resta de curso. A través da mesma o público pode achegarse de forma sinxela á linguaxe e as intencións da arte contemporánea.

A previsión dos profesores é poder manter a mostra aberta durante o verán dentro do propio centro e que despois se converta en itinerante. Ademais dos paneis divulgativos que deseñou a profesora Marta González, a exposición conta con reproducións de obras de diferentes artistas actuais acompañadas dun comentario, feito ex profeso polo autor, na que as comenta para os mozos expectadores.

Última páxina Diario de Ferrol

GZ Crea 09

5/19/2009

Catro consorcios aspiran a realizar a ampliación de Reganosa


Segundo informa a Voz de Reganosa, esta xa seleccionou a catro consorcios empresariais para participar no concurso de realización dos traballos para a duplicación da capacidade de regasificación da planta de gas de Mugardos.
O proxecto permitirá a Reganosa pasar dos 412.000 metros cúbicos á hora que pode envorcar á rede ata os 825.000.
A ampliación da capacidade de regasificación non implicará o incremento da superficie sobre a que se asenta a planta. A obra consistirá na instalación de dous novos vaporizadores, uns equipos que permiten pasar o gas do estado líquido no que entra na planta ao gaseoso, no que sairá cara á rede xeral.
Reganosa fornecerá desde Mugardos á central de ciclo combinado de Endesa en Ponferrada (León).

Mar Barcón visita Mugardos

A nova secretaria de Coordinación, Acción Electoral e Política Municipal do PSdeG-PSOE, Mar Barcón, iniciou onte en Mugardos unha serie de visitas aos municipios da comarca para avaliar a situación de cada concello e establecer as bases de traballo no que queda de mandato.
Barcón escolleu Mugardos para abrir este periplo na comarca e visitou o municipio acompañada de Ignacio Filgueiras, vogal da Executiva Nacional do PSdeG.
Co secretario xeral da agrupación socialista na localidade, Juan Fernández, abordouse o labor realizado ata o momento, que este responsable cualificou de construtiva. Neste sentido, mencionou o apoio dos socialistas ao goberno do BNG para sacar adiante os orzamentos municipais e asegurou que, sempre que se busque o consenso, terá o respaldo do PSOE en proxectos positivos para o municipio e que xeren emprego, algo que considerou especialmente relevante en momentos de crises como o actual. Esta será a tónica que rexerá o que resta de mandato, apuntou Juan Fernández, que percorreu con Mar Barcón algunhas das obras iniciadas pola Xunta do bipartito como a Confraría de Pescadores ou as beirarrúas en dúas estradas do termo municipal.

Diario de Ferrol

Unha "frikiciudad" colgada na rede

Villapodre, el Ferrol del Caudillo o el Ferrol del Bocadillo son sobrenomes que nun ou outro momento oímos referidos á cidade naval. Pero a etimología destes alcumes, a historia da cidade, a súa cultura e os seus personaxes están xa a disposición de todos aqueles que queiran unha visión diferente ou, polo menos, máis divertida que a que se pode atopar nas enciclopedias máis tradicionais, na Frikipedia.
Historia
... Durante a idade media Manuelo Fragonio e en representación del o (cacique) Conselleiro Cuíña viron que debido á cantidade de comida inxerida rapidamente, pagada cos impostos do pobo, os gases producidos serían letais para a humanidade, polo que decidiron construír a magnífica planta regasificadora de Reganoxo, tamén coñecida como Reganosa, para así almacenar as flatulencias producidas polos seus enormes anos. O pobo ferrolán de novo negouse a que lles tomasen o pelo e organizou unha milicia fortemente armada con cacerolas para acabar con a planta regasificadora. A milicia patrulla as rúas de Ferrol a berros de ¡A Ría e nosa, non de Reganosa! e ¡Alerta vermella hai unha bomba na Ría!. [Ler máis]

5/18/2009

As mariscadoras de Mugardos apoian a López Pintos

Mariscadoras de Mugardos achegáronse até o Xulgado amosar a súa solidariedade

A celebración da vista, a última das catro establecidas dentro do proceso xudicial que contra o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, estivo precedida novamente por unha concentración diante dos Xulgados do Penal de Ferrol na que participaron uns 200 afiliados/as e delegados/as da comarca, que trasladaron todo o seu apoio e solidariedade ao secretario comarcal.
Desta volta tocáballe a quenda ás testemuñas achegadas pola policía: unhas oito mulleres que apoiaban á presidenta da confraría de Mugardos naqueles intres, Oliva Bonome.
... Pintos indicou que o que máis lle sorprendeu foi que “a petición do Ministerio Fiscal, despois de tantos anos, segue sendo a mesma” e apuntou que en ningún momento tiveron en conta a denuncia exercida á súa vez por un grupo de mariscadoras contra os axentes, posto que máis de vinte delas, xunto co secretario da CIG de Ferrol, resultaron feridas durante a brutal carga policial que se viviu na praia da Barca de Mugardos o 18 de setembro de 2001... [Ler máis]


Xornal dixital Avantar

5/15/2009

O consistorio adxudica as obras do peche perimetral do campo de fútbol

Campo de fútbol da Pedreira


O Concello de Mugardos adxudicou onte unha das últimas obras que se acometerán no municipio con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local. Na xornada de onte procedíase a contratar de xeito definitivo á empresa Acha os traballos do peche perimetral do campo de fútbol de herba artificial do Galicia de Mugardos.
O alcalde, Xosé Fernández Barcia, apuntou que a intervención suporá un investimento de 134.998 euros e terá un prazo de execución de dous meses.
O nacionalista Fernández Barcia explicou que hoxe se procederá a adxudicar de modo definitivo, no transcurso da Xunta de Goberno Local convocada no consistorio, as obras a executar nas rúas dos Casás e María, cada unha das cales suporá un desembolso que ronda os 400.000 euros, tal e como apuntou o alcalde do municipio. O Concello xa adxudicou, tamén con carácter definitivo e hai tan so uns días, os traballos pendentes nas instalacións do Clube do Mar da vila.
Trala tramitación destas últimas intervencións, daranse por finalizadas, tal e como apuntou Barcia, as licitacións correspondentes a actuacións financiadas con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local no municipio de Mugardos.



Diario de Ferrol

5/12/2009

Perigo: Bahia Blanca pode explotar!

LNG "Excelsior"

Hoxe na Ría de Bahía Blanca (Arxentina) ocorreu un incidente entre dous buques, o "ArgenMar Austral" que comprometeu ao gaseiro "Excelsior".
A nave de bandeira arxentina, tras unha manobra de xiro en Porto Galván, da que participou só un remolcador e en momentos que procuraba amarrar no peirao de Profertil, pasou a uns 15 metros do gaseiro, mentres esta embarcación, desde o peirao de Mega, traspasaba a súa carga de gas (GNL) á rede troncal nacional. Ante a inseguridade da manobra, o barco abortou o seu ingreso, distanciouse e repetiu as tarefas de amarre, as que completou coa axuda dun segundo remolcador.
Auditoría en seguridade
Ante os feitos ocorridos no porto, Raúl Woscoff, integrante da agrupación política local Integración Cidadá, elaborou un proxecto mediante o que propón que leve a cabo unha auditoría en seguridade vinculada coa presenza do "Excelsior". "A mencionada auditoría, que debería dispor o intendente municipal creando unha unidade de xestión ao efecto, excede o control da operación de regasificación hoxe supervisada, e tería por obxecto resgardar a seguridade naval", indicou Woscoff.
Tamén solicita un informe circunstanciado sobre o avance da causa penal en trámite con motivo dun feito similar ocorrido durante 2008, onde a cantidade de remolcadores foi insuficiente, e a non utilización do círculo de xiro de Porto Galván, mentres o "Excelsior" atópese operando. "Débese solicitar que se repoña a garda permanente de remolcadores ao costado do 'Excelsior', tal como indicouse na audiencia pública de 2008", indicou no seu proxecto.
Desde o martes pasado, o "Excelsior" (277 metros de eslora e 43 de manga), inxecta, gradualmente, os 80 millóns de metros cúbicos de gas natural líquido (GNL) que trouxo desde Port Fortin (Trinidad e Tobago).
O feito reavivou os medos polos diversos riscos que xera o operativo de regasificación no medio do Polo Petroquímico e a poucos metros da poboación de Enxeñeiro White.
De comprobarse irregulares comportamentos, aos responsables do amarre poderíaselles aplicar desde unha multa ata a suspensión e/ou quita da habilitación.

5/10/2009

O Eume ascende á Primeira Autonómica

Xogadores e afeizoados do Eume festexaron o ascenso esta tarde no campo da Gándara

O Eume Depórtivo logrou o ascenso á Primeira Autonómica tras vencer ao Animas por 5 a 2 no campo da Gándara de Pontedeume. Rematou así unha das Ligas máis disputadas no grupo da Segunda Autonómica de Ferrolterra dos últimos anos.

A xunta directiva do Eume xa adiantou a súa vontade de continuar para a vindeira tempada co mugardés Juan Fernández no posto de adestrador. Incorporarán asimesmo a 4 xogadores do fútbol xuvenil.

Un dos principais obxectivos do Eume pasará por conseguir un campo de fútbol en mellores condicións que o actual da Gándara.

Radiofusión

Eume campión de liga

Alirón do Eume Depórtivo