4/07/2009

A Festa do Polbo de Mugardos de Interese Turístico


Peña gañadora do concurso de camisolas edición 2008, deseño de Artritris

O Consello da Xunta declarará mañá de Interese Turístico a Festa do Polbo de Mugardos.

Grazas a este recoñecemento a festa de Mugardos contará con maiores recursos económicos e unha maior proxección turística en toda a comunidade. Aínda que o Concello levaba varios anos estudando a posibilidade de presentar a festa para a súa declaración de interese turístico, non foi ata este ano cando se presentou toda a documentación requerida pola Xunta.
O evento que nesta edición cumpre dezanove anos de historia celebrarase o vindeiro 11 de xullo nas inmediacións do peirao.
O ano pasado servíronse preto de 1.200 racións de polbo entre as máis de 10.000 persoas que se achegaron polo municipio para coñecer de preto a festa. Este ano o Concello espera recibir a un maior número de persoas.

Historia: Aínda que “oficialmente” a Festa do Polbo de Mugardos vénse celebrando desde o ano 1990, para coñecer as súas orixes hai que remontarse moitos anos atrás. No século XVIII Mugardos era un dos portos do norte de Galicia máis importantes na pesca do polbo, polo que os seus habitantes especializáronse na súa preparación “á mugardesa”. Por aquel entón os veciños do municipio celebraban ó final do verán “A Xira ó Baño”, na que organizaban unha festa do polbo. Na década dos oitenta pasou a ser organizada pola comisión de festas que a trasladou do Baño ó peirao (onde continúa celebrándose na actualidade) e xa en 1990 coa implicación do Concello, nace a I edición da Festa do Polbo.

europapress.es/galicia

Diario de Ferrol digital

Sem comentários: