Unión Club Cee 0-2 Galicia de Mugardos
Tras un par de intentos errados, este ano si, parece que o Galicia de Mugardos poderá festexar o seu ansiado ascenso a Autonómica Preferente. O seu triunfo de onte ante o Unión Club Cee, unido ao empate do Val co Dumbría, deixa aos mugardeses con cinco puntos de vantaxe sobre a súa máis directo rival cando só quedan tres partidos para finalizar a competición de liga.
O conxunto que dirixe Cata tivo que empregarse a fondo para liquidar unha contenda que se lle puxo de face grazas á expulsión do local Rafa no minuto sete. Pero, ata con inferioridade numérica sobre o campo, o Cee mostrouse como un adversario aguerrido, capaz de incomodar ao Mugardos e que en ningún momento deu o partido por perdido.
A pesar de contar con algunhas ocasións con anterioridade, non foi ata o minuto 40 da primeira parte cando Álex Saracho logrou desequilibrar o marcador a favor dos mugardeses. O tanto chegou tras un centro de Tenreiro que o propio Saracho remata en primeira instancia. O balón non chegou á portería, pero o dianteiro adiantouse ao porteiro e volveu rematar.
Na segunda parte, a formación local buscou con máis intensidade a meta mugardesa. A súa convicción non chegou parella, con todo, ao acerto, máis cando, co paso dos minutos, o feito de xogar cun home menos case todo o partido comezou a pasarlle factura no terreo físico. O Galicia de Mugardos, a base de contraataques, levou en varias ocasións o perigo á meta de Mingos. A sentenza, con todo, non chegou ata o último minuto, obra de Diego.
Festa ao grande nas bancadas do Conco, onde se deu cita unha nutrida representación de afeccionados do Galicia de Mugardos.
Diario de Ferrol
Vai de libros
Há 2 semanas
Sem comentários:
Enviar um comentário