4/20/2009

Os romanos de Punta Promontorio non coñecían o gas

Xacemento de Caldoval almacenado nun galpón (ou carpa)

Hoxe lin este comentario:
A vila romana de Caldoval (Mugardos) -vai ser exposta nun edificio que construirá Reganosa expresamente para ese fin- consérvanse sobre todo as termas, é dicir, unha luxosa zona de baños con piscinas de auga fría e quente. A temperatura elevábase mediante un sistema denominado hipocausto, que tamén permanece intacto, segundo informaron onte fontes da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.
Outra estancia que se conservou ao longo dos séculos é a palestra ou patio previo á zona de baños, que se dedicaba ao lecer. Tamén se pode apreciar, pero moi deteriorada, un área de almacéns, onde os expertos cren que se gardaban obxectos relacionados coa explotación económica do litoral, talvez barcas.
Unha portavoz de Patrimonio explicou que das escavacións realizadas ata agora (entre o 2000 e o 2002) dedúcese que a vila foi construída no século III, aínda que ao levantar o xacemento para trasladalo á súa futura localización poderían aparecer muros máis antigos.
E cal é a miña sorpresa a decatarme que o xoves, día 23 de abril, ás 19:30h. acto público no centro cívico para analizar o borrador de convenio que propón o goberno do B.N.G. para a construcción do centro de interpretación arqueolóxica que por lei debe construir Reganosa.

1 comentário:

Susete70 disse...

COMA DECIA EDUARDO FRA,UN DÍA MOVERAN A CATEDRAL.....TEÑEN....

EDUARDO FRA (diario de ferrol)

Un amigo compostelán ten un soño recorrente. Nel aparece unha empresa da Coruña que se dedica a desmontar as torres da catedral, pedra a pedra. Cando está no soño xa van pola metade das torres e hai camións cargados ata arriba con todo o material. El contempla entretido aos obreiros. Estes traballan con certa indiferencia e asubían ás universitarias que pasan pola praza do Obradoiro. O meu amigo sabe que é un roubo pero non ten ningún sentimento. Cousas dos soños. Tan só cando esperta sinte un estraño desacougo.

Na fermosa comarca Laceana, ao lado dos Ancares, desmontaron unha preciosa montaña. Destripárona coa mesma indiferencia que os da Coruña desmontaban as torres da catedral. Un cidadán de Villablino foilles preguntar qué estaban facendo. Un camioneiro indicoulle que preguntara ao encargado. O encargado co móbil pegado na orella díxolle de malos modos que preguntase na oficina, e o da oficina que andaba moi atarefado. Largoulle o típico: que non viñese a amolar e que ademais el era un mandado. No sindicato dixéronlle que antes mortos que no paro. ¿Pero a copla non era “antes muerta que sencilla”? . Pois iso -insistiron- Antes mortos que no paro. Élle un sindicato de filósofos- pensou. Na catedral xa van pola altura do Pórtico da Gloria. Un pesadelo. Contemplamos con estraña indiferencia como se estraga a natureza e ninguén parece responsable. Os fiscais non ven nada. Os xuíces usan a palabra de moda: somos incompetentes. En Santiago xa din: “Ha, pero había unha catedral?”, “qué catedral?”