3/19/2010

Atos Origin, da sobriña de Beccaría, leva a xestión de custos de Reganosa


Durante os primeiros meses do Goberno Feijóo, a empresa resultou adxudicataria de contratos por máis de catro millóns

Atos Origin, empresa da que é directiva a sobriña do ex ministro José Manuel Romay Beccaría, volve a escena. Logo de haber resultado adxudicataria de contratos por máis de catro millóns de euros desde a entrada de Núñez Feijóo na Xunta de Galicia, a multinacional volveu a recibir a confianza do Executivo galego en forma de adxudicación. Atos Origin, que ten no seu equipo directivo a Carmen Martín de Pozuelo Romay, farase cargo do sistema de xestión de mantemento de activos e aforro de custos de Regasificadora do Noroeste, Sociedade Anónima, Reganosa. A Xunta de Galicia ten o 10% do capital da planta enerxética, que se completa con Endesa (21%), Unión Fenosa-Gas Natural (21%), Grupo Tojeiro (18%), Caixa Galicia (10%), Sonatrach (10%), e Banco Pastor e Caixanova, cun 5% cada un.

"Atos Origin, compañía internacional de servizos de tecnoloxías da información, presentará a través dun dos seus clientes, Reganosa, un proxecto de xestión optimizada dos stocks de repostos en sincronización cos plans de mantemento e coa operación, que levou a unha estimación de redución de niveis de inventario da orde dos dous millóns de euros", sinalaba onte Atos Origin na súa páxina web.

ENDESA

Desde Endesa, accionista da gasificadora, informaron tamén do acordo de xestión, sen que transcenda a contía do acordo entre as partes. "Nun almorzo de traballo celebrado na sede madrileña de Atos Origin, responsables de Reganosa incidiron na necesidade de dispor de colaboradores expertos [...] e expuxeron as súas conclusións e aprendizaxes derivadas da relación con Atos Origin", destacou a enerxética.

"A colaboración entre Reganosa e Atos supón a incorporación ao sector enerxético de tecnoloxías e modelos loxísticos aplicados con éxito noutros sectores profesionais", sentenciou a nota remitida aos medios.

Fontes consultadas denunciaron a Xornal que existe "trato de favor" da Xunta de Galicia cara a Atos Origin, receptora de cuantiosos contratos en diferentes consellerías desde a chegada de Feijóo á Xunta. En abril do pasado ano, asinou un contrato de 166.776 euros con Sanidade, outro de 209.000 para o Cixtec en novembro, Facenda contratou os seus servizos en decembro por 565.000 euros, Sanidade, outra vez, pagou máis de dous millóns, tamén en decembro, á mesma empresa da sobriña do ex ministro galego Romay Beccaría. Así, ata máis de catro millóns.


Xornal.com

Sem comentários: