3/18/2010

O Tribunal Supremo desestima un recurso dos veciños de Meá sobre a concesión a Reganosa

Reganosa e Forestal do Atlántico

O Tribunal Supremo desestimou un recurso de casación interposto pola Asociación de Vecinos de Meá (Mugardos) contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a modificación da concesión portuaria de Reganosa e Forestal do Atlántico.
O cambio na concesión fora autorizada no ano 2002.
Os motivos alegados polos veciños da parroquia de Meá, próxima ás instalacións da planta de gas de Reganosa, son considerados carentes de fundamento, polo que son desestimados polo Supremo, que condena ademais ao colectivo veciñal ao pago das costas.
A entidade alegara que a modificación da concesión infrinxía a lei de Portos por haberse outorgado sen que o proxecto fose aprobado sen condicionamentos por parte do Ministerio de Economía, pero o alto tribunal sostén que o cambio «é precisamente o requisito para permitir a utilización do citado dominio portuario».
Tamén nega o Supremo que o Porto deixase de exercer as súas competencias en materia de seguridade, como alegaba o colectivo, e sostén que a Autoridade Portuaria «exerce as competencias que a parte invoca e que a aprobación da modificación da concesión, avalada pola sentenza recorrida, non supón unha renuncia ás mesmas».

O fallo do Alto Tribunal achaca tamén á asociación de Meá «falta de fundamentación» ao afirmar que a modificación da concesión non está adaptada ao plan de utilización da ría de Ferrol.
Directivas de seguridade
Tamén nega que fundamente a asociación veciñal o incumprimento de diversas directivas de seguridade e navegación.
Actualmente xa finalizaron dous preitos contra Reganosa no Supremo, e senllos no Tribunal Superior de Xustiza de Madrid e no TSXG. No entanto, aínda están pendentes de resolución unha decena.

Sem comentários: