3/27/2010

O servizo de lancha ata Mugardos retomarase mañá


A firma Fernández Cabana fará 18 traxectos cada xornada ata o 4 de abril co «Rías Altas Un»

A tradicional lancha de Mugardos volverá asucar a ría en coincidencia coa Semana Santa, como xa vén sendo habitual nos últimos exercicios. De feito, este medio de transporte hai anos que deixou de funcionar de forma regular e agora só faio esporadicamente en datas como estas ou os meses de verán.
O máximo responsable da empresa Fernández Cabana destacou onte que se farán dezaoito traxectos ao día desde mañá e ata o 4 de abril no horario que se plasma na táboa que acompaña esta información. A metade deles sairán da urbe á vila e os restantes en sentido inverso. O prezo estableceuse en tres euros.
A compañía ten previsto utilizar o Rías Altas Un, unha embarcación con capacidade para 150 pasaxeiros. Ofertaranse, deste xeito, 2.700 prazas en cada xornada. A experiencia demostra, no entanto, que a demanda adoita ser moito máis baixa e que, en numerosas ocasións, a lancha vai baleira, aínda que ten que asucar a ría igualmente por se hai pasaxeiros no outro punto ao que se dirixe.
Fernández Cabana sinala respecto diso que as expectativas para esta semana Santa "dependen moito do tempo, se vén bo podemos ter algo de xente, pola contra non".
Durante o xoves, venres e sábado da próxima semana activarase tamén o Teide, con 89 prazas, para cruceiros dunha hora polas augas locais. Neste caso, o prezo do billete é de sete euros por persoa. Sairán de Curuxeiras ás 12.00; 13.00; 16.00; 17.00; 18.00 e 19.00 horas. Esta iniciativa adoita ter máis éxito entre o público que a mencionada lancha de Mugardos, xa que ofrece a posibilidade de contemplar máis paraxes. Pero na cifra de usuarios volverá influír de forma decisiva, como apuntou Fernández Cabana, o tempo.

A Voz de Reganosa

Sem comentários: