3/29/2010

Hoxe tampouco entrou o gaseiro esperado

Imaxe a tempo real (17:55 h)

O LNG “Madrid Spírit” tiña programada e autorizada a súa entrada para a pleamar desta tarde, 29 de marzo. Debido ás condicións do vento e estando próximo á Ría de Ferrol tivo que desviarse e continuar navegando cara ao Cantábrico, agardando que na marea de mañá martes poida entrar na Ría.
Dos 63 gaseiros con destino a Reganosa, 14, ou sexa o 22,22 %, ou máis claro: 1 de cada 4,5, non pode efectuar a súa entrada o día previsto, por mor das condicións meteorolóxicas na angosta bocana da Ría.
Isto supón que o buque ha de esperar, 24 ou 48 horas, á próxima marea diúrna en que se dean as condicións de seguridade establecidas.
A unha planta, mal ubicada, perigosa, innecesaria e deficitaria, súmase un importante incremento no custo do transporte, que indubidablemente repercute nos petos dos cidadáns.
Apelamos unha vez máis á responsabilidade das autoridades estatais, autonómicas e locais, para que cesen no seu temerario consentimento e poñan punto final a esta situación de risco permanente e a este malgasto dos caudais públicos, abrindo os gasoductos que manteñen pechados exclusivamente para beneficio dos promotores da Planta de Mugardos.
Planta cuxo déficit – 60 millóns de Euros – correspóndese co déficit do conxunto do Sistema Gasístico Español.
Este Comité mantén a convocatoria de CONCENTRACION para esta tarde as 7, diante do edificio da Xunta ( Praza Amada García ) no compromiso coa defensa da legalidade, da Ría e da vida dos seus habitantes.

ferrolsuso.blogspot.com

Sem comentários: