10/31/2008

10/30/2008

Cruceiros & Gaseiros


O cruceiro Black Watch, da naviera Fred Olsen, saíndo onte da Ría, con máis de oitocentos turistas e 210 tripulantes. O cruceiro volverá estar na cidade xa o vindeiro luns.



O gaseiro "Madrid Spirit", o día 21 de Outubro, descargou na planta de gas de Reganosa 138.188 m3 de gas natural licuado (GNL). Cando volverá? non o sei, pero mellor que non volva.

10/28/2008

"A Ría estivo na Rúa"



O Sábado 1 de Novembro, terá lugar o acto final da Campaña "A Ría na Rúa", onde 10 artistas encheron de arte 10 prazas da cidade de Ferrol , en protesta, reivindicación e denuncia polo despropósito gasístico de Reganosa, que ameaza a vida de miles de persoas da comarca de Ferrolterra. As obras podense contemplar en cada praza, até o Sábado, onde, nun acto central, xuntaranse as 10 obras no Cantón, desde as 5 da tarde, onde non faltará música e un magosto popular, organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.



"Contra os que se empeñan en destruír e pórnos em perigo, tendo como obxectivo a súa riqueza e como aliada a irresponsabilidade de quen nos debería defender, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol quere construír.

10/27/2008

Artistas ferroláns pintan murais contra a planta de Reganosa

O Roteiro organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, percorreu toda a obra, agradecendo ós artistas o seu esforzo desinteresado e a súa colaboración. As pinturas ficarán nas prazas de Ferrol unha semana e o próximo 1º de novembro reuniránse no Cantón, onde se celebrará un magosto e outras actividades as que está invitada toda a cidadanía.

10/26/2008

A Ría na Rúa


O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, que agrupa aos opositores á localización da planta de gas de Reganosa en Mugardos, celebrou onte unha xornada lúdica e reivindicativa para advertir do "risco" que entraña o complexo industrial. A actividade encheu as prazas da cidade de pinturas e murais contra a planta de gas, nas que se advirte da "ameaza" que supón "o continuo tráfico de gaseiros á beira das casas".

10/25/2008

MURAL ¡¡PLANTA DE GAS FORA DA RIA!!



Como prólogo ás xornadas de “A Ría na Rúa” que comezou hoxe 25 de Outubro, membros do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, confeccionaron con esforzo e bo ritmo, un Mural de gran tamaño, na parede do campo de deportes de A Parda, xunto á estrada das Pías, que anuncia esta actividade artística coa que o Comité quere, unha vez máis, chamar a atención en positivo, do perigo e prexuízo que ocasiona a ubicación no interior de nosa Ría, da Planta de Gas, e da ameaza que supón o continuo tráfico de gaseros ao pé das nosas casas e as nosas vidas.

10/22/2008

Plan de "emerxencia" en Mugardos


Consellos da Xunta aos veciños ante un caso de urxencia

Cinta illante para selar portas e fiestras, persianas pechadas baixo sete chaves, afastarse de interruptores e enchufes, prescindir do coche e os electrodomésticos e permanecer no interior das vivendas ou colexios. Son algunhas das recomendacións de seguridade que a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Xunta, adscrita á Consellería de Presidencia, está facendo chegar estes días aos veciños do municipio coruñés de Mugardos. Forman parte dunha campaña informativa obrigatoria, encamiñada a minimizar o impacto dun hipotético accidente na planta de gas de Reganosa, que comezou a operar en maio do 2007.
"Mugardos nunca foi o sitio adecuado, e agora veñen con pantomimas", laméntase Luz Mariña Torrente, presidenta da Plataforma de Veciños «O Cruceiro de Meá». Esta entidade veciñal, que agrupa aos mugardeses que viven "a 200 metros" da planta de gas, rexeitou en asemblea recibir aos responsables de Protección Civil e Reganosa que aspiraban a exporlles o Plan de Emerxencia Exterior (PEE).
"Terían que vir a explicalo antes de construír a planta, xa non queremos que vingan a tomarnos o pelo", argumenta Torrente. "É un lavado de imaxe que non serve para nada".

Artigo orixinal

10/20/2008

Outra vez a néboa …

O cumio de Montefaro visto nun día de néboa

A néboa, por segunda vez en menos dunha semana, impediu esta mañá a entrada a Reganosa, do gaseiro “Madrid Spirit” coa súa carga de gas natural licuado. Outra vez terá que fondear na Ría de Ares, co risco consiguiente para as poboacións daquela contorna, ata a próxima pleamar diurna de mañá, se para entón as condicións de visibilidad permíteno.

10/19/2008

Mañá 20 de Outubro: Entrada dun novo gaseiro na Ría de Ferrol


Aínda non fai tres días que o último gaseiro abandonase a Ría, e xa temos outro previsto pa mañá cara a ilegal e perigosa Reganosa, trátase do buque Madrid Spirit cargado de GNL. O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha nova Concentración/Manifestación na Praza Amada García diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, ás 7 da tarde. Con este serán 33 os buques cargados con GNL que van a entrar na Ría de Ferrol coa perigosa mercancía, poñendo en perigo a seguridade e vida de miles de persoas.

10/18/2008

Gaseiro na néboa

O “LNG Edo” tiña previsto entrar cara á Reganosa o xoves 16, pero a néboa fixo imposíbel o acceso do gaseiro á Ría de Ferrol. Mais a acción de protesta tivo lugar diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol. Berros de frases cargadas de razóns alertaban do perigo que supón a entrada de gaseiros para a ilegal e perigosa Reganosa.

10/15/2008

¡¡Perigo de novo na Ría de Ferrol!!



Está previsto que mañá xoves, 16 de Outubro entre o buque gaseiro "LNG Edo" cargado con miles de toneladas de GNL, dentro da Ría de Ferrol. Ante isto está convocada, por parte do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, unha nova concentración/manifestación na Praza Amada García diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, ás 7 da tarde. Con este serán 32 os buques cargados con GNL que van a entrar na Ría de Ferrol, coa perigosa mercancia para Reganosa, poñendo en perigo a seguridade e vida das miles de persoas desta comarca, coa complicidade das autoridades.

10/11/2008

¡Recuperemos o Río Baa!


A Plataforma en defensa do Río Baa reuniráse de novo o vindeiro luns. Planificarán un calendario de presentacións aos Concellos de Mugardos, Cabanas e Fene. As entidades participantes da plataforma tamén valorarán a concentración realizada o pasado sábado en Vilar do Colo.