8/28/2011

O Galicia de Mugardos e o Soneira empataron na Pedreira

O Soneira empatou o partido nos últimos minutos tras o lanzamento dunha falta e dun penalti.

Soñarán esta noite os futbolistas do Galicia de Mugardos coas xogadas a balón parado. O Galicia adiantouse primeiro no marcador e puxo o partido moi ao seu favor pero o Soneira deu a volta á tortilla e empatou case nos últimos suspiros de partido. O primeiro tanto chegou no minuto 46 e foi obra de Carba logo de varios rexeites dentro da área do Soneira. No 74 Dani Ramo coloca o segundo gol tras unha xogada de Canosa que pasa a Suso Pena e este a Dani Ramos que logra un bonito gol pola escuadra. Con 2 a 0 parecía que o Mugardos tiña practicamente sentenciado o partido pero a remontada do Soneira chegou a balón parado. Primeiro foi Vía no minuto 86 de partido tras o lanzamento dunha falta e posteriormente tamén o propio Vía tras lanzar un penalti no minuto 90. Ao final repartición dun punto para cada equipo e 2 a 2 no marcador.


Xogaron polo Galicia de Mugardos Javi na porta con Rouco, Juani, Javi Eume, Manel, Juan Jesús, Rubén Seco, Dani Ramos, Carba, Suso Pena e Canosa. Tamén participaron posteriormente Colo, Jorgito, Martín e Pitu.

Por parte do Soneira xogaron Fran na porta con Ferreiro, Pablo, Veciño, Modesto, Santi, García, Michel, Vía e Quique. Tamén xogaron posteriormente Fran, Iago e Mauro.

Arbitrou o partido o colexiado Jesús Mosquera de Santiago auxiliado por Botana Rei e Rosende Torto. O colexiado ensinou cartóns a Javi Eume e a Juan Jesús do Mugardos e a Veciño, Santi e García do Soneira.

voltaaria.com

A lancha de Mugardos agoniza

A lancha que une Mugardos e Ferrol, onte

A lancha de Mugardos afúndese, en sentido metafórico. A embarcación, que outrora era un transporte concorrido non só por turistas senón por traballadores, é hoxe en día unha alma en pena pola ría ferrolá.


Vinte persoas os días malos, cincuenta algunhas xornadas boas, cen en casos excepcionais. É a ocupación que está a rexistrar este verán o barco que viaxa de Ferrol a Mugardos e viceversa, nove veces en cada sentido ao longo do día. Nada que ver con outras tempadas, fai catro ou cinco anos, cando ata 300 pasaxeiros eran transportados cada xornada.

Non é o primeiro estío malo para a embarcación. Xa en setembro de 2002 recortáronse as viaxes, que antes se facían durante todo o ano. Desde aquela, a lancha só asuca a ría en tempada alta -verán e Semana Santa-. Aínda así, a afluencia era boa nos meses calorosos, ata que nos últimos exercicios os pasaxeiros baixaron de forma alarmante.

«A situación é mala, moi mala», afirma Francisco Fernández Cabana, o empresario encargado do transporte. O seu barco, o Rías Altas Un, é o que fai o percorrido entre Ferrol e Mugardos cada día. Desde o 1 de xullo, data na que se inaugurou este servizo, a media de pasaxeiros na lancha foi moi baixa. «E isto vai empeorando», asegura Fernández Cabana.

¿As causas? Este transporte converteuse en algo turístico actualmente, non nun servizo de traslado colectivo, similar a un autobús, como foi durante moito tempo. Segundo Cabana, a construción de novas estradas e o uso do coche foron minguando esta utilidade.

O empresario móstrase reticente a continuar con este servizo o ano que vén. «Encarécese o gasoil, hai que pagar ambos os portos...», explica. «O próximo verán non o farei, seguramente», asevera. «Ou pensarei outra cousa, quizá trasladarme a outro sitio», engade Cabana.

A lancha de Mugardos ofrece nove traxectos de ida e outros tantos de volta ao día entre os portos ferrolán e mugardés, a un prezo de 3 euros por percorrido. Cabana cre que promocionándoa e con algunha subvención, a ruta iría moito mellor. «A ver se as administracións arriman o ombreiro», desexa. «E que a xente veña a gozar do percorrido», anima.

avozdegalicia.es

8/26/2011

ALEGACIÓNS do CCE ante a Autoridade Portuaria


O pasado sábado, en representación do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, varias entidades (A. VV. O Cruceiro de Mehá, A.C. Fuco Buxán, Ateneo Ferrolán e ADEGA) presentaron alegacións a "Modificación puntual substancial da delimitación dos espazos e usos portuarios do Porto e Ría de Ferrol para afectación de partes de terreo en Punta Promontorio (Área de Mugardos), Xuño 2011" que a Autoridade Portuaria Ferrol – San Ciprián está a tramitar e que o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE) considera un acto administrativo fraudulento que ven a ocultar unha MOI GRAVE infracción da Ley de Costas.

Contrariamente ao expresado por parte da Autoridade Portuaria nalgunhas instancias, as consecuencias do acto que se alega, van moito máis aló das puramente administrativas, como un posíbel aumento do canon de concesión, senón que veñen confirmar ilegalidades que pretenden ter continuación cunha decisión que persegue, despois de modificar o ámbito portuario, aumentar a concesión innecesaria ás empresas Forestal del Atlántico e Reganosa. (Ler o resto deste artigo)


Comité Cidadán de Emerxencia

O Soneira visita o Campo da Pedreira para abrir a liga en preferente


O Soneira Sociedade Deportiva é o equipo de fútbol do Concello de Vimianzo. A entidade fundouse en 1965 e xoga habitualmente no campo municipal de Vimianzo que ten un aforamento de 2.500 espectadores. O Soneira gañou tres ligas da Costa, concretamente as de 1967, 1984 e 2005. O equipo branco ten un cadro de persoal moi competitivo e intentará comezar a liga con bo pé. O ano pasado gañou os dous partidos de liga. O primeiro dos encontros celebrado o 19 de decembro o Soneira venceu pola mínima no seu feudo ao Mugardos. Posteriormente xa na Pedreira o 8 de maio o Soneira gañou por 2 a 4.

O Galicia  de Mugardos afronta unha tempada coa intención de consolidarse na categoría e non pasar apuros. Germán Amil continúa na dirección técnica do mugardos coas incorporacións de Pitu, Colo, Javi Prieto, Javi López, Uxío, Vicente, Dani Ramos e Javi Eume. Tamén conta con Pena, procedente do Neda e Aitor e Martín do Galicia de Caranza xuvenil. A liga comezará o domingo ás 18.00 horas no campo da Pedreira. Espérase unha boa entrada como de costume.

voltaaria.com

8/25/2011

Perigo!! gaseiro 98 cargado con GNL para Reganosa


CONCENTRACIÓN
NO PORTO DE FERROL
NO PEIRAO DE CURUXEIRAS
NO LUGAR ONDE ESTABA A ANTIGA FÁBRICA DE XEO
XOVES 25 DE AGOSTO, ÁS 8 DA TARDE


O LNG "Bonny", un vello gaseiro de hai 30 anos, cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para a ilegal e perigosa Reganosa, ten anunciado a súa entrada na Ría de Ferrol, para este xoves 25 de Agosto de 2011. Esta entrada dun buque cargado con gas natural licuado para Reganosa, supon xa a 98, desde que o fixera o LNG "Galicia Spirit" en Maio de 2007.


Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, consitente nunha CONCENTRACIÓN, o mesmo xoves, ás 8 da Tarde, mais desta volta a Concentración terá lugar no Peirao de Ferrol (antiga fábrica de xeo).
Antes de que suceda unha catástrofre

Comité Cidadán de Emerxencia

8/15/2011

Perigo!! gaseiro 97 cargado con GNL para Reganosa


CONCENTRACIÓN
NO PORTO DE FERROL,
NO PEIRAO DE CURUXEIRAS
NO LUGAR ONDE ESTABA A ANTIGA FÁBRICA DE XEO
LUNS 15 DE AGOSTO, ÁS 8 DA TARDE

Mañá luns 15 de Agosto está prevista a entrada dun novo gaseiro na Ría de Ferrol, trátase do buque gaseiro está prevista a entrada dun novo gaseiro na Ría de Ferrol, trátase do buque gaseiro LNG "Cheick el Mockrani" que coa súa perigosa carga de Gas Natural Licuado (LNG), para a ilegal Reganosa, faría o nº 97 que entra na Ría desde Maio de 2007, poñendo en alto risco de inseguridade a miles de persoas.


Unha vez máis esta irresponsabilidade non pode quedar sen resposta, é por iso, polo que o Comité Cidadán de Emerxencia decide convocar a CONCENTRACIÓN de protesta, mañá luns día 15 de Agosto de 2011, ás 8 da tarde, no Porto de Ferrol, no Peirao de Curuxeiras (onde estaba a antiga fábrica de xeo).

Antes de que suceda unha catástrofre

Comité Cidadán de Emerxencia

Colectivo Ártabra 21

8/02/2011

Pleno en Mugardos a favor da Planta de Gas


Hoxe martes, 2 de agosto, ás 10,30 hs, o Concello de Mugardos levará a Pleno a proposta de Modificación do Plan de Urbanismo (PXOM), coa pretensión de regularizar as ilegalidades da ubicación da Planta de Gas de Reganosa en Punta Promontoiro.


Con este feito, confírmase o tantas veces mantido polo Comité Cidadán de Emerxencia, e polos Tribunais de Xustiza.

Por moitos “parches” que lle poñan, será sempre unha Planta ilegal, extremadamente perigosa, innecesaria e antieconómica, creada só para beneficio dos seus promotores, a conta do diñeiro de toda a cidadanía, coa connivencia das Administracións.

No Pleno, estarán presentes a A VV “O Cruceiro” de Mehá e unha representación do CCE.

Comunicado do Comité Cidadán de Emerxencia para a ría de Ferrol