7/31/2011

Perigo!! gaseiro 96 cargado con GNL para Reganosa


CONCENTRACIÓN
DIANTE DO CENTRO DE SAÚDE DE CARANZA
(Cruce Avda. Castelao con Rúa Juan de Austria)
ÁS 8 DA TARDE, DO LÚNS 1 DE AGOSTO

O LNG "Bonny", un vello gaseiro de hai 30 anos, cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para a ilegal e perigosa Reganosa, ten anunciado a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Lúns 1 de Agosto de 2011. Esta entrada dun buque cargado con gas natural licuado para Reganosa, supon xa a 96, desde que o fixera o LNG "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, consitente nunha CONCENTRACIÓN, o mesmo Lúns, ás 8 da Tarde, mais desta volta a Concentración terá lugar diante do Centro de Saúde de Caranza (Cruce Avda. Castelao con Rúa Juan de Austria), continuando así co as mobilizacións por diferentes lugares e barrios, dun xeito itinerante, co obxectivo de chegar coa protesta a un número maior de persoas.

Antes de que suceda unha catástrofre

A Xunta prioriza as obras do gasoduto Guitiriz-Lugo

en vermello, o gasoduto de Guitiriz a Lugo

A Xunta de Galicia declarou onte o gasoduto Guitiriz-Lugo como proxecto sectorial de incidencia municipal, unha decisión apoiada na importancia e a magnitude desta infraestrutura, que suporá un «significativo adianto» na subministración de gas á provincia lucense.


Segundo explicou o presidente da Administración autonómica, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da reunión do Consello da Xunta de onte, o Executivo que dirixe aposta por impulsar esta infraestrutura co reto de fomentar a atracción de investimentos e a xeración de emprego nas comarcas da Terra Chá e Lugo, xa que o proxecto, que depende do Ministerio de Industria do Goberno estatal, require un investimento total de 14.680.955 euros e ten un prazo de execución de sete meses.

Este gasoduto, cuxa posta en servizo estaría prevista no ano 2012, ten unha lonxitude total de 28 quilómetros, que transcorrerán por terreos dos municipios chairegos de Guitiriz, Vilalba e Begonte.

A nova instalación ten a súa orixe nas inmediacións do quilómetro 6 da estrada LU-170, no municipio de Guitiriz, ao oeste do lugar coñecido como Boqueira de Laña, onde enlaza co gasoduto Vilalba-Tui de Enagás, e finaliza á altura do quilómetro 511 da Autovía do Noroeste (A-6), en Begonte.

Esta nova infraestrutura formará parte, ademais, do novo eixo de gasodutos de Galicia a Madrid, cuxa lonxitude total é de 560 quilómetros. Así, o tramo declarado prioritario pola Xunta de Galicia é o primeiro do novo gasoduto, cuxa segunda fase sería a instalación entre Lugo e Villafranca, a máis complexa a nivel técnico de todas as previstas, dado que terá que atravesar toda a montaña lucense.

A construción deste gasoduto foi motivo de disputa entre o Goberno autonómico e o Estatal, dados os atrasos experimentados polo proxecto, considerado prioritario pola Xunta para poder duplicar así a capacidade da planta de Reganosa.

Tras un período sen avances significativos, o pasado mes de maio o Ministerio de Industria someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa do proxecto, así como o seu estudo de impacto ambiental, publicando a listaxe dos titulares dos terreos afectados polas obras e as limitacións que lles suporá nas súas propiedades.

El Progreso

7/29/2011

O Concello modifica o PXOM para adaptar Punta Promontoiro ás últimas normativas


O Concello de Mugardos atopouse cunha serie de inconvenientes, case todos relacionados coa xustiza, pola presenza da planta de gas dentro do seu territorio. A maioría das causas son debidas á falta dun estudo de impacto ambiental. E aínda que a xustiza veulle dando a razón á administración local ?en base ao feito de que a modificación que deu lugar á instalación da planta en Punta Promontorio foi anterior á disposición que obriga á elaboración do citado informe? os responsables municipais tratan de pór coto ás causas xudiciais pendentes e as que poderían chegar a vir cunha modificación puntual do PXOM no ámbito de Punta Promontoiro.

O asunto levará ao pleno previsto para a próxima semana, no que a modificación sairá previsiblemente aprobada por maioría, dado o pronunciamiento favorable dos grupos na comisión correspondente. De ser así, a modificación só salvaría o primeiro trámite administrativo xa que, de face á sanción definitiva do documento, require a aprobación explícita da Xunta de Galicia.

Trátase dun conxunto de disposicións polas que se establece desde un proxecto de sustentabilidade ambiental para a fachada marítima de Mugardos ata serve para adoptar o Plan Xeral de Ordenación Municipal ao de urxencia, ao relativo á ordenación litoral e tamén así ás directrices de ordenación do territorio. As antes citadas só son algunhas das moitas disposicións que viron a luz logo da modificación puntual que deu lugar á construción da planta de gas na zona de Punta Promontoiro.

A modificación, segundo fontes municipais, xa conta co beneplácito de administracións como o Ministerio de Medio Ambiente, Costas, Patrimonio da Xunta e Consellería do Mar, entre outras, e sobre os seus contidos tamén están a día de hoxe ao corrente aquelas asociacións ycolectivos que se viñeron pronunciando en contra da instalación da planta en Mugardos por cuestións varias, principalmente ambientais. Agora, desde o Concello apúntase que coa tramitación que se atopa en fase de aprobación inicial preténdese salvar calquera tipo de reticencia sobre unha planta que cumpre todos os requisitos esixidos por lei. A modificación que deu lugar á instalación da planta data do ano 2002, mentres que a norma que establece a obrigatoriedade do estudo de impacto ambiental para estes casos resultou aprobada no ano 2006.

Diario de Ferrol

7/28/2011

A peseta continúa en Mugardos


Comezou como unha iniciativa activa unicamente durante o mes de marzo, pero aceptar a peseta como moeda de pago sigue situando a Mugardos nos medios de comunicación do planeta. E é que Portomagno decidiu, xa daquela, ampliar a campaña ata o remate de setembro. Agora chega unha nova remesa promocional, logo de dar a volta ao mundo. E nós contentos de dar que falar por cousa boa.


Algúns dos billetes que viñeron dar a Mugardos, aquí.

artritris: A peseta continúa

7/24/2011

Crónica da V Marcha a Pé Ferrol-Mugardos


Como estaba previsto, este Venres, 22 de Xullo de 2011, realizou-se a V Marcha contra Reganosa, saía pouco despois das 5 da tarde, desde o Parque de Caranza que leva o nome do noso compañeiro "Carmelo Teixeiro".


Foron 15 Km dunha marcha reivindicativa, onde participaron persoas de todas as idades.

Partiu a V Marcha a Pé, entre Ferrol e Mugardos, para lembrar os 111 días de ocupación da Casa do Concello de Mugardos, por parte da veciñanza de Meá.

Este 22 de Xullo marchamos a pé até Mugardos polo cese da actividade e desmantelamento de Reganosa, no Cuarto Aniversario do Peche da veciñanza de Meá na Casa do Concello, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a a Ría de Ferrol.

Case catro horas máis tarde chegamos até Mugardos onde as veciñas e veciños de Meá agardaba na Praza do Mercado de Mugardos, onde falou a compañeira Luz Mariña Torrente en representación da Asociación Veciñal de Meá e o compañeiro "Lalán" polo Comité Cidadán. Houbo bebidas, liscos, chourizos e música, nun acto de benvida.



7/17/2011

Reganosa: Vellas mentiras e novos negocios


Nota de Prensa do Comité Cidadán de Emerxencia - Ferrol - 15.07.2011


Diante das novas, sobre Reganosa, aparecidas o pasado día 13 no xornal "La Voz de Galicia". O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol fai as seguintes consideracións:


Dende a súa constitución REGANOSA, pola conivencia dos seus socios, faltou á verdade ao respecto da necesidade da planta en Galicia, falseando os datos para acreditar a súa viabilidade económico-financeira.

Co único fin de cumprir (só formalmente), co 4º requisito necesario para obter a autorización de construción e o preceptivo Vº Bº da CNE, os socios de Reganosa comprometéronse a construír catro centrais de ciclo combinado; Fenosa dous ciclos de 400 MW cada un e Endesa outros dous nas Pontes, con un consumo anual de 1.600 millóns de m³/ano de gas natural, aos que habería que agregar un consumo adicional das empresas de nova creación do grupo Tojeiro de 500 millóns de m³/ano.

A realidade é que o grupo Tojeiro non consume gas, porque as empresas non se fixeron, e os ciclos combinados (700 millóns de euros de inversion) cando non estan parados traballan ao ralentí.

Despois de case 4 anos de funcionamento, os datos de produción facilitados polo xestor técnico do sistema, ano 2010, falan dun funcionamento tan só do 43%. A planta de Reganosa só aporta o 6% do total do estado. Agora, no mes de xuño deste ano, sufriu unha nova baixada do 28% ao respecto do mesmo mes do ano anterior, sendo o ratio de utilización do mes pasado só dun 29% da súa capacidade nominal.

Reganosa foi obxecto de intervencións extraordinarias por parte do xestor do sistema para asegurar os niveis de GNL, mínimo técnico de seguridade nos tanques. A última advertencia foi o pasado 6 de Xullo, véndose obrigada a unha reprogramación, é dicir, foi obrigada a reducir a produción ata que o sistema gasista lograse descargar un gaseiro para subir o nivel nos seus tanques. Hai que engadir a isto que o 25% dos gaseiros tiveron que abortar a súa entrada na data prevista, dadas as condicións meteorolóxicas e a singularidade da Ría de Ferrol.

Agora, preséntannos como unha vantaxe a venda de GNL ao mercado especulador, cargando de novo gaseiros cun gas que orixinalmente era para consumo da nosa comunidade, convertendo a regasificadora como simple depósito para trapichear no mercado do gas.

As plantas do resto do estado teñen produción de gas regasificado suficiente, non necesitan participar no trapicheo da venda de gas como Reganosa, que almacena gas á espera de que soba o prezo, todo a expensas de incrementar os perigos para a cidadanía.

A cidadanía merece información veraz sobre o que está acontecendo en Reganosa e tomar consciencia da irracionalidade das operacións deste trapicheo.

Por exemplo, o pasado mes de febreiro, o buque gaseiro SCF Polar, carga en Mugardos 68.000 m³ de GNL para transportalos a Italia (La Spezia). Un gas que poucos dias antes descargara o "Cheikh el Mokrani" procedente de Arxelia. Por qué o gas alxerino fai a ruta Orán- Ferrol- Xénova que supón 4540 millas náuticas, cando a distancia de Orán a Xénova só é de 715 millas?.

Outro caso para a reflexión e a denuncia, a operación realizada polo gaseiro "Norman Lady". Este gaseiro, que permaneceu atracado dende o 13 ao 16 de Maio, un dia descargou gas en Reganosa, e, sen abandonar as instalacións, carga outra vez nos seus depósitos ese mesmo gas. É este o futuro de Reganosa? Poñer en perigo a nosa seguridade para trapichear co gas?.

Temos razóns para a desconfianza. Lembremos que nas instalacións anexas de Forestal, propiedade exclusiva do grupo Tojeiro, xa a finais dos anos 90, descubriuse un xigantesco fraude co gasóleo. Fraude que, por certo, aínda debe estar sendo investigado polo xulgado.

Sobre o negocio da carga de gas en cisternas, aparte de aumentar os riscos para a cidadanía (lémbrese o accidente dos Alfaques ano 1978), o seu carácter residual non modifica para nada a escasa produción de Reganosa e o seu carácter deficitario.

Mailo empeño dos cómplices mediáticos, en distraer aos cidadáns, a realidade actual amosa a gran patraña dos promotores de Reganosa como instalación ”estratéxica” para Galicia. Unha instalación que, aseguraban, iba a supor o relanzamento da comarca, creando moreas de postos de traballo, etc etc.

Reganosa supón unha ameaza para a vida das persoas que vivimos na contorna, e tamén para o noso medio natural, pois destrúe a riqueza da Ría. O que agora pretenden apresentar como unha vantaxe, é a constatación de que Reganosa como proxecto económico, é un fracaso que se inscribe no marco da burbulla enerxética, apoiada institucional e mediaticamente para beneficio dos seus promotores. Unha estafa a toda a cidadanía, que está a pagala a través das axudas a Reganosa por parte da Xunta de Galicia e da suba das tarifas eléctricas e do gas.

Os gasodutos de Tui e Llanera, sin actividade de entrada desde a posta en servizo de Reganosa, teñen capacidade suficiente para subministrar gas; tanto para as centrais de ciclo combinado como para o consumo convencional.

Estamos a pagar 60 millóns de euros cada ano a REGANOSA, unha instalación ILEGAL, PERIGOSA, DEFICITARIA E INNECESARIA. Non existe pois motivo algún que poida xustificar manter operativa unha perigosa planta de gas como a de Reganosa, que supón ademais dunha ameaza para a poboación, e un alto custe medioambiental, económico e social.



Comité Cidadán de Emerxencia

7/13/2011

"Ártabra 21 ante o novo negocio de Reganosa"



Como era de esperar, "La Voz de Galicia" desperta-nos hoxe, cunha "boa noticia" sobre Reganosa co seguinte titular "A regasificadora mugardesa lidera a nivel nacional o negocio das cargas de buques".


Non nos chegaba coa presión de soportar os buques que veñen a descargar o gas natural licuado -GNL/LNG- á xa de por si perigosa planta de gas de Mugardos, que agora temos que soportar tamén que ese mesmo gas sexa despachado no corazón da nosa Ría para fóra. Un irracional negocio que pon constantemente en perigo á Ría, a nosa seguridade e a nosa vida.

O citado xornal que sempre se destacou por ser "a voz de Reganosa", considera unha boa noticia, o que é unha pésima noticia para a poboación que moramos na contorna da Ría de Ferrol que soportamos o depropósito gasístico corrupto e irracional que só serve para encher os petos de diñeiro público aos seus promotores.

Non sabemos cantos, mais a noticia temén di que temos o record en tránsito de camións cisternas por estrada, "que ben" son moi "boas" noticias: "Reganosa está a experimentar un crecemento no tráfico de carga de cisternas". Só temos que lembrar o sucedido un 11 de Xullo de 1978 en Tarragona, no cámping de "Els Alfacs", ao paso dun camión cisterna con 25 Tm de gas licuado -propileno, un gas altamente inflamábel, estoura ao seu paso pola estrada que bordea o cámping, todo queda aniquilado, máis de 240 vítimas mortais, unha vintena de desaparecidos e o recordo indelébel da traxedia que se podía evitar [Entrar].

Di a noticia: "A diferenza doutras plantas do país, que apenas se lle prestaron interese a este tipo de negocio, Reganosa leva máis dun ano sentando as bases para crecer neste tipo de actividade e, de feito, logrou-no, e nestes momentos lidera xa este segmento a nivel nacional". Porque será? Será que Reganosa non era necesaria para o consumo interno de Gas? Será que non era tan estratéxica como argumentaban algúns sectores políticos nacionalistas, para xustificar o inxustificábel? Cando as organizacións políticas que mudaron de postura pedirán desculpas e recoñecerán o seu erro? Un erro que mesmo minguou toda unha organización na nosa Comarca?

A noticia cuantifica o gas que saiu, por este medio, da planta de Mugardos este ano: "Así, no que vai de ano, Reganosa forneceu gas a catro barcos, mentres que o ano anterior só fíxoo a un. En total, as cargas deste exercicio suman 216.600 metros cúbicos de combustíbel, fronte aos 73.100 cargados na planta de Huelva, e aos 69.000, da de Cartaxena". "Que ben", non só entran buques cargados de gas, senón que agora saen tamén cargados. E o Concello de Ferrol, segue negando-se a contemplar no seu Plano de Emerxencias, un eventual accidente no tránsito de buques gaseiros cargados pola nosa Ría, ou unha posíbel emerxencia na propia planta de gas que está situada a pouco máis dun quilometro de Ferrol, do Arsenal e dos asteleiros de Navantia.

Na noticia en cuestión fala-se doutro lucrativo, mais tamém moi perigoso negocio, trata-se da posibilidade de que buques gaseiros que reparan en Navantia, unha vez que zarpen pasen por Reganosa a encher os seu tanques: " ... conta cos equipos máis modernos para levar a cabo a subministración de gas desde os seus tanques aos navíos. Ademais, ao atoparse nas proximidades dos estaleiros, ofrece aos armadores que traen os seus metaneros a reparar a Navantia a posibilidade de saír da ría cos seus tanques cargados ...". Todo o que sexa carga e descarga de gas e tránsito de buques cargados pola Ría, ven a aumentar exponencialmente o, xa de por si, potencial perigo que supon a presencia da planta regasificadora tan próxima aos núcleos de poboación. Aumentado aínda máis este perigo por atopar-se Reganosa encostada ao complexo petroquímico de "Forestal del Atlántico"-"Imegasa" que almacena centos de miles de toneladas de produtos tóxicos e perigosos [Entrar].

Máis a noticia di algo a ter en conta, cando refire: " ... O feito de que Reganosa non reciba moitos barcos para descargar ao mes redunda positivamente no seu crecemento neste mercado, por canto mantén dispoñibles as instalacións para levar a cabo as operacións de carga". Por fin recoñecen a incapacidade de Reganosa a manter-se operativa, xa non dicimos ao 100%, nen ao 80%, nen tan sequera ao 50%. A operatividade de Reganosa está sobre un 43% da súa capacidade real [RATIO UTILIZACIÓN planta 43% Produción media/produción nominal -B/A-] , polo que non está sendo, nen se aproxima a ser óptima, iso que no 2010 subiu un 10% con respecto ao 2009 -segundo os datos do propio Xestor Técnico do Sistema Gasista [Informe del Sistema Gasista Español 2010, publicado o 17.03.2011 ]. Mesmo a propia noticia publica que " ... "As regasificadoras do país rexistraron un descenso da actividade o pasado mes con respecto a xuño do 2010 e, de feito, en Reganosa caeu un 28%".

O despropósito gasístico de Reganosa que xa de por si representa un grave perigo, aumenta exponencialmente cando un buque cargado con miles de toneladas de GNL, entra pola angosta, sinuosa, estreita, longo e de fondos rochosos, canle da ría de Ferrol, para logo pasar máis de 24 horas descargando no pantalán do Porto de Punta Promontorio. No caso de emerxencia, o buque, non podería saír a mar aberto nen polos seus propios medios [como sinala a lexislación de seguridade], nen con axuda, até a próxima marea diúrna, e xa non digamos se as condicións meteorolóxicas son adversas, con fortes ventos, pouca visibilidade, .... A Autoridade Portuaria ten previsto segundo a normativa elaborada pola Capitanía Marítima de Ferrol que, en caso de emerxencia, o buque vaia a uns poucos metros, no fondeadoiro de Santa Lucia, onde non hai suficiente calado para elo, novo despropósito e grande irresponsabilidade.

Ao que íamos, non hai razóns para congratular-se Srs. do grupo "Voz", máis ben hai razóns que nos din por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas vidas. E aquí presentamos 10 razóns moi importantes a modo de síntese:

Porque almacena o equivalente a mais de 12 millóns de bombonas caseiras, o que no caso dun accidente, provocaría unha devastación de difícil cuantificación. No accidente de "Els Alfacs", que matou a 243 persoas, e fireu a máis de 300, a cantidade de gas equivalía tan só a 2000 bombonas.

Porque os gaseiros só poden entrar e saír na ría cando se dan as axeitadas condicións meteorolóxicas (vento e visibilidade) e marea diúrna. No caso de accidente nun buque, durante a manobra de entrada, atraque ou descarga, sería imposíbel aparta-lo da planta e das zonas poboadas.

Porque Reganosa colle da Ría, esteriliza e verte, clorada e a baixa temperatura, perto de 300.000 toneladas de auga ao día. Ademais, promove xunto á Autoridade Portuaria, un proxecto para dragar os fondos da Ría, que pertencen á Rede Natura pola súa riqueza en vida mariña. Aínda dragando a Ría, os gaseiros cargados con LNG, seguirían a ter dificultades para entrar e saír.

Porque os 40 postos de traballo que crea Reganosa, non son comparábeis aos 400, da actividade marisqueira e pesqueira, que pon en perigo esta instalación, tanto polo tratamento da auga como pola súa intención de dragar a Ría.

Porque ten pegado un complexo petroquímico, Forestal do Atlántico, e Imegasa, que almacenan 280.000 m3 de produtos tóxicos e perigosos que no caso dun accidente, pode provocar un efecto dominó de consecuencias devastadoras.

Porque, como ven denunciando o Comité Cidadá de Emerxencia, desde o inicio do proxecto no ano 2000, Reganosa supón o caso de maior corrupción político-empresarial da nosa comunidade, porque só responde á cobiza dos seus promotores, o Grupo Tojeiro, que obtiveron pola venda dos terreos e a concesión portuaria, perto de 30 millóns de euros de beneficio.

Porque incumpre todas as normativas que se lle esixen a unha instalación destas características, Directiva Europea 96/82/CE - Lei Seveso II, NFPA 59 A, Regulamento 2414/1981 Raminp, UNE-NE 1532, R. D. 6/2001 do 8 de maio sobre Evaluación de Impacto Ambiental, Directiva europea 97 /11 /CEE, R.D. Lexislativo 1302/1986 do 28 de xuño, Directiva europea 85/337/CEE.

Porque existen tres sentencias condenatorias, e moitas causas abertas por denuncias, en distintas institucións xudiciais e no Parlamento Europeo.

Porque é unha instalación innecesaria e deficitaria, funciona só a un 40% da súa capacidade e encarece o recibo do gas. Reganosa presionou para fechar o gaseoducto que viña de Tui, que viña suministrando gas, que era suficiente para cubrir a demanda de gas.

10ª Porque, como se demostrou en Xapón, os accidentes existen, e as condicións improbábeis suceden. Polo tanto a única medida efectiva é apartar as instalacións perigosas dos núcleos de poboación. Exemplos existen: Cleveland, Les Alfaques, Aoxaca, Shanghai, Skikda, Houston, Gaoqiao... Non permitamos que a nosa comarca aumente esta tráxica lista!

Nunca é tarde para loitar pola Ría, a nosa Seguridade e a nosa Vida.


Ártabra 21

7/11/2011

Perigo!! gaseiro 95 cargado con GNL para Reganosa


Mañá martes día 12 de Xullo está prevista a entrada dun novo gaseiro na Ría de Ferrol, trátase do buque gaseiro LNG "Port Harcourt” un vello gaseiro de 35 anos de antiguedade  que coa súa perigosa carga de Gas Natural Licuado (LNG), para a ilegal Reganosa, faría o nº 95 que entra na Ría desde Maio de 2007, poñendo en alto risco de inseguridade a miles de persoas.
Unha vez máis esta irresponsabilidade non pode quedar sen resposta, é por iso, polo que o Comité Cidadán de Emerxencia decide convocar a CONCENTRACIÓN de protesta, mañá martes día 12 de Xullo de 2011, ás 8 da tarde, na Praza de Ultramar, no bairro ferrolá do mesmo nome.

Antes de que suceda unha catástrofre

7/06/2011

Gastronomía e música, receita de Mugardos para o mes de xullo

O Concello de Mugardos presentou a súa programación para o mes de xullo, onde a gastronomía e a música van da man. Así, as actividades comezan o vindeiro venres 8 no Cantón de Cora, onde actuará o grupo de blues SES a partir das 22.00 horas. Será o precedente da festa maior da gastronomía local, a festa do polbo que o sábado celebra o seu XXI edición. O pasado ano a vila mugardesa colapsouse ante o éxito da iniciativa, e este ano os organizadores esperan repetir a xogada. Así, a venda de tickets comezará ás 12.30 horas, e media hora máis tarde empezarán as degustacións baixo a carpa do parque da Constitución. Durante a xornada a música estará a cargo da charanga Kilomberos e da orquestra América.
O domingo 10 o peirao acollerá un espectáculo nocturno de cabaret coa actuación de Femme Fatale. Outras alternativas tamén pasarán pola vila, e o xoves 14 o circo Chosco fará as delicias de toda a familia a partir das 21.00 horas.

Corais e humor

O venres 15 haberá numerosa actividade cunha festa infantil na praza do Mercado, entre as 11.00 e 14.00 horas; unha festa da espuma, ás 18.00 horas nas Casas Baratas e, xa a partir das 21.00 horas desde a Avenida de Galicia ata o Cantón de Cora, un festival Folklórico. Precederá a un espectacular certame de corais que terá lugar baixo a carpa do peirao ás 18.30 horas. Alí actuarán a formación do Sporting Club Coruña, Melide, Taboada e Casino Mugardés. Na medianoite dese mesmo domingo os Festicultores animarán as rúas mugardesas, con saída do Concello cara á Avenida de Galicia. Mentres, no peirao, haberá unha verbena coa orquestra Gran Canaria.
O domingo 17 haberá unha procesión marítima e unha ofrenda floral con música da Xove Banda de Narón, mentres pola noite actuará a Orquestra Ardebullo Bin Ban e actuará o humorista ferrolán Pepo Suevos. Un pouco má adiante, o 27 de agosto, o grupo A Roda estará no peirao pechando as actividades culturais do verán na vila mugardesa.

7/03/2011

V Marcha a Pé Ferrol – Mugardos


O venres 22 de xullo, como xa vén sendo habitual cada verán, celébrase a 5ª Marcha a Pé Ferrol – Mugardos, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e que partirá ás 5 da tarde de Caranza, precisamente do Parque Carmelo Teixeiro – que leva o nome do primeiro Coordinador deste Comité – e na que participarán máis dun centenar de persoas, que ao seu paso polos concellos de Ferrol, Fene e Mugardos faran presente, unha vez máis, o rexeitamento á localización dunha Planta de Gas no interior da nosa Ría, que ademais de innecesaria é un grave perigo para a vida de cantos poboamos esta comarca.
A marcha será recibida tres horas máis tarde na Praza do Mercado de Mugardos, polos veciños daquel concello, onde tras as intervencións de Luz Marina Torrente, Presidenta dá A. VV.”O Cruceiro” de Meá e de Manuel Rdgz. Carballeira, Coordinador do Comité, a música e a merenda animarán aos participantes nun espazo de grata convivencia.
 ¡PLANTA DE GAS FORA DA RÍA!

Perigo!! gaseiro 94 cargado con GNL para Reganosa

O martes día 5 de Xullo está prevista a entrada dun novo gaseiro na Ría de Ferrol, trátase do buque gaseiro LNG "Cheick el Mockrani” que coa súa perigosa carga de Gas Natural Licuado (LNG), para a ilegal Reganosa, faría o nº 94 que entra na Ría desde Maio de 2007, poñendo en alto risco de inseguridade a miles de persoas.

Unha vez máis esta irresponsabilidade non pode quedar sen resposta, é por iso, polo que o Comité Cidadán de Emerxencia decide convocar a CONCENTRACIÓN de protesta, o martes día 5 de Xullo de 2011, ás 8 da tarde, na Praza do Inferniño (diante do palco de música). Continuando asi a rotacion das convocatorias polos distinto barrios da cidade.

Antes de que suceda unha catástrofre

7/02/2011

Mugardesas ilustres: Teresa Cameselle


Teresa Cameselle naceu en Mugardos, pero vive e traballa en Ferrol, que é onde está o que para ela é hoxe o seu recuncho preferido: o Cantón de Molins. Administrativa de profesión, é ademais escritora. E acaba de sacar á luz estes mesmos días o seu segundo libro, No todo fue mentira, unha «novela romántica», segundo a súa propia definición, que chega ás librerías baixo o selo da editorial O maquinista.