5/20/2012

A terceira tubaxe entre España e Portugal non servirá a Reganosa e irá por Zamora

Tanques da planta de gas de Mugardos, na ría de Ferrol. / GABRIEL TIZÓN

Rajoy e Passos Coelho aparcan o gasoduto que pediu Feijóo por Tui

Un novo gasoduto Galicia-Portugal foi a principal e máis nova petición que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, formulou na súa ata agora única reunión cun primeiro ministro luso, o 29 de xaneiro de 2010 co socialista José Sócrates. Dous anos e tres meses despois o seu xefe de filas, Mariano Rajoy, e o seu correlixionario primeiro ministro portugués, o conservador Pedro Passos Coelho, confirmaron que Zamora se adiantará a Galicia como punto de cruzamento do terceiro gasoduto entre ambos os países que Feijóo lle reclamaba a Sócrates. Así se certificou a semana pasada no Cume Ibérico celebrada no Porto. A Xunta, que rexeita explicar as súas xestións durante os dous últimos anos, opta por culpar ao Goberno socialista do ex presidente José Luís Rodríguez Zapatero.

Actualmente, entre España e Portugal existen unicamente dous gasodutos, un en Galicia, á altura de Tui, e outro en Estremadura. En 2010 Feijóo presentouse en Lisboa coa petición a Sócrates de que estudase a viabilidade de tender unha nova tubaxe entre Galicia e o Norte de Portugal coa que dar saída ao país veciño ao gas da planta que Reganosa ten na ría de Ferrol. A petición formulábase apenas unhas semanas despois de que Reganosa, con participación da Xunta, asinase un acordo con Gas Natural para exportar combustible a Portugal. No encontro de Lisboa ambos os gobernos quedaron, dixo Feijóo, en que o ministro luso do ramo e o conselleiro de Economía, Javier Guerra, de orixe portuguesa, avanzarían na negociación do novo gasoduto.

Máis de dous anos despois, e tras o anuncio dos Gobernos de España e Portugal de que a terceira conexión entre ambos os países será por Zamora, a Consellería de Economía rebaixa agora as expectativas espertadas en 2010. "A competencia neste tema non é autonómica aínda que desde a Xunta deféndense en todo momento os intereses de Galicia para potenciar a interconexión por Tui", sinala unha portavoz do departamento que dirixe Javier Guerra. [Ler máis]

Sem comentários: