Galicia de Mugardos e Naron Balompé resolveron esta tarde o primeiro derby comarcal na preferente Norte. O equipo de Cata foi o que quedou cos puntos, aínda que ambos pelexaron duro por rabuñar algunha bonificación.
Unha asollada tarde de sábado e dous equipos con potencialidades distintas pero amizades entrelazadas. Se a todo iso sumámoslle dous adestradores que coñecen á perfección como se moven os clubs aos que se enfrontan, só pode resultar un cóctel con sabor a derby. O Galicia de Mugardos e o Narón Balompé pelexaron e deixáronse até a última pinga de suor, aínda que ao final foron os azulones os agraciados co doce caramelo da vitoria.
Adiantouse rapidamente o Galicia de Mugardos por mediación de Uxío nos primeiros instantes do partido nunha xogada estraña. Isto só fixo incrementar as revolucións dun Narón Balompé ultramotivado que saíu a por todas. O primeiro tempo tivo a mesma dinámica: un equipo (o Narón) co balón e un Galicia de Mugardos ordenado que se mantivo en tensión e creaba algún perigo á contra. Pablo Lorenzo marcaba o empate. Pero non era a primeira chegada. Antes Marcos Suárez, Santi Silvar ou mesmo Diego Piñeiro e Dani Deza erraron senllas ocasións desde o córner e en xogada.
No segundo tempo as cousas igualáronse. O Mugardos era consciente de que lle podería crear perigo ao seu rival e creceuse. Marcos Suárez nunha xogada de pillos anotou o 1-2 a falta de 15 minutos para o final. As cousas puideron cambiar de terzo, pero o 1-2 mantívose como resultado final, que lle outorga ao Narón Balompé a súa segunda vitoria en 3 xornadas. Doutra banda o Galicia de Mugardos deixou unha boa impresión dun equipo ben traballado por Germán Amil que dará guerra e seguro que conseguirá a salvación.
voltaaria.com
Sem comentários:
Enviar um comentário