Mostrar mensagens com a etiqueta Confraría. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Confraría. Mostrar todas as mensagens

1/06/2010

A Confraría buscará axuda para recuperar a memoria mariñeira

A Consellería do Mar non apoiou economicamente no seu último exercicio o proxecto co que o grupo de acción Golfo Ártabro pretendía recuperar a memoria mariñeira da Confraría de Pescadores de Mugardos.

No entanto, do mesmo xeito tamén deixou clara a forma na que practicamente se garante a posibilidade de acceder á axuda de 52.000 euros necesaria para a realización da iniciativa. Así, de face ao presente exercicio será a propia Confraría a que terá que tramitar directamente a petición económica, tal e como explicou a esta redacción o xerente do grupo de Acción Costeira, Federico López Viñas.

Este responsable tamén deu a coñecer algúns dos moitos contidos que levará implícitos o proxecto que se pretende materializar ao longo dos próximos meses. Así, entre outros, explicou que da man do mesmo xurdirá unha exposición itinerante que, a través de imaxes e documentos, percorrerá a comarca coa idea de dar a coñecer, e a cantos máis veciños mellor, a memoria dunha das confrarías con máis bagaxe histórica da área de influencia da cidade de Ferrol. Este obxectivo completarase así mesmo cun vídeo do que será protagonistas aquelas persoas maiores que vivan do mar.

Por outra banda, López Viñas tamén quixo subliñar que, do mesmo xeito que a Confraría de Mugardos pedirá a axuda da administración autonómica, a iniciativa está aberta á participación dos outros sete depósitos vinculados ao grupo de acción. Neste sentido, cabe recordar que, á marxe da mugardesa, poderían beneficiarse os de Barallobre, Miño, Pontedeume, Sada, Lorbé e Mera, ademais da Asociación de Redeiras de Lorbé.

Este asunto abordarase mañá xoves na reunión que a xunta directiva do Grupo de Acción Costeira Golfo Ártabro celebrará, a partir das sete da tarde, na Casa do Mar de Sada.

Ademais do mesmo, na convocatoria tomaranse acordos que van desde a valorización ambiental da ría ata o programa de turismo relacionado co sector que de face aos próximos meses prevese levar á práctica coa intención de facer do mesmo un novo reclamo promocional da zona.

A reunión dará lugar así mesmo a unha primeira toma de contacto de face á planificación de recursos enfocados ao turismo.

Diario de Ferrol

A Memoria do Mar

12/01/2009

Hoxe ábrese a campaña de marisqueo de Nadal



O marisqueo na ría ferrolá volve autorizarse dende hoxe, segundo o calendario acordado polas confrarías de Ferrol, Mugardos e Barallobre coa Consellería do Mar. A campaña, que se extenderá ata o Nadal, é unha das máis importantes do ano precisamente pola proximidade destas festas.

Segundo informaron dende os pósitos, as expectativas en canto á abundancia do molusco nos bancos son boas. Os resultados das primeiras mostraxes permitiron aumentar os topes establecidos para a campaña actual, que no caso da ameixa babosa pasan a dez quilos por persoa e día, tres máis dos fixados no anterior periodo. También se triplica o máximo para a ameixa fina, que pasa a ser de tres quilos diarios por mariscador.

Este cambio podería incrementar o volume de capturas, dependendo da participación dos mariscadores. Os de Barallobre comezarán hoxe, segundo o previsto, pero os de Ferrol teñen a opción de agardar ata o vindeiro día 9. Como se lembrará, o pósito ferrolán ampliara a extracción o pasado verán durante unha semana máis, polo que en principio agora disporía de sete días menos. Con todo, no último encontro mantido cos responsables autonómicos acordouse dar a posibilidade ós mariscadores ferrolanos que así o desexen de comenzar canda ós de Fene.

O marisco poderá extraerse de tódalas zonas nas que se realizaron sementes agás na enseada de Nande e Punta Martelo, que seguirán pechados.

9/12/2009

Nova lonxa de Mugardos

A nova lonxa de Mugardos

Será a finais do presente mes cando, segundo fontes oficiais da Xunta, estea ao fin rematada a nova lonxa para a confraría de Mugardos, que aglutina a uns oitenta profesionais, a maior parte mariscadoras. Concluída a obra física do edificio, situado en Punta Rato, será no transcurso de outubro cando poida entrar en servizo, tras a recepción oficial dos traballos e a culminación dos trámites burocráticos previos.

As dependencias, se non hai demoras, comezarán a funcionar deste xeito un pouco máis tarde do programado inicialmente, xa que o calendario co que traballaba o Goberno galego fixaba un prazo de oito meses para finalizar as tarefas, que empezaron en setembro do 2008. Estiveron, no entanto, paradas ata comezos de novembro por discrepancias pola titularidade do chan entre o Concello e Portos de Galicia. Así, contábase coa infraestrutura finalizada entre xuño e xullo, prazo que finalmente non se cumpriu.

Sempre segundo as mesmas fontes oficiais, o orzamento das obras ascendeu ata os 424.000 euros. Servirá este investimento para crear un inmoble de dúas plantas con 230 metros cadrados de superficie. Na zona baixa -uns 102 metros cadrados- habilitaranse, fundamentalmente, espazos para a venda de marisco e peixe e de servizo para os traballadores. A parte superior, con 128 metros cadrados, dedicarase basicamente ás tarefas administrativas.

Porase fin, deste xeito, a unha situación de provisionalidade en canto a infraestruturas coa que fai anos que a confraría mugardesa vén enfrontando. O depósito tivo a súa sede durante moito tempo na emblemática Casa do Reloxo, lugar que hoxe só utiliza como almacén. A inclusión das súas extraccións dentro da marca da Xunta Pesca de Rías obrigoulles, tal e como se confirmou desde a directiva do colectivo, a buscar outras dependencias máis acordes con ese selo de calidade e que hoxe se atopan na Barca.