Será a finais do presente mes cando, segundo fontes oficiais da Xunta, estea ao fin rematada a nova lonxa para a confraría de Mugardos, que aglutina a uns oitenta profesionais, a maior parte mariscadoras. Concluída a obra física do edificio, situado en Punta Rato, será no transcurso de outubro cando poida entrar en servizo, tras a recepción oficial dos traballos e a culminación dos trámites burocráticos previos.
As dependencias, se non hai demoras, comezarán a funcionar deste xeito un pouco máis tarde do programado inicialmente, xa que o calendario co que traballaba o Goberno galego fixaba un prazo de oito meses para finalizar as tarefas, que empezaron en setembro do 2008. Estiveron, no entanto, paradas ata comezos de novembro por discrepancias pola titularidade do chan entre o Concello e Portos de Galicia. Así, contábase coa infraestrutura finalizada entre xuño e xullo, prazo que finalmente non se cumpriu.
Sempre segundo as mesmas fontes oficiais, o orzamento das obras ascendeu ata os 424.000 euros. Servirá este investimento para crear un inmoble de dúas plantas con 230 metros cadrados de superficie. Na zona baixa -uns 102 metros cadrados- habilitaranse, fundamentalmente, espazos para a venda de marisco e peixe e de servizo para os traballadores. A parte superior, con 128 metros cadrados, dedicarase basicamente ás tarefas administrativas.
Porase fin, deste xeito, a unha situación de provisionalidade en canto a infraestruturas coa que fai anos que a confraría mugardesa vén enfrontando. O depósito tivo a súa sede durante moito tempo na emblemática Casa do Reloxo, lugar que hoxe só utiliza como almacén. A inclusión das súas extraccións dentro da marca da Xunta Pesca de Rías obrigoulles, tal e como se confirmou desde a directiva do colectivo, a buscar outras dependencias máis acordes con ese selo de calidade e que hoxe se atopan na Barca.
Sem comentários:
Enviar um comentário