Laracha 1-2 Galicia de Mugardos
O Galicia de Mugardos conseguiu unha vitoria moi importante na súa visita a Laracha (1-2).
Un triunfo que pode supor a permanencia na categoría un ano máis. Os de Ferrolterra atoparon neste partido quizais a sorte que se lle negou durante toda a tempada. O Laracha foi mellor durante os primeiros corenta e cinco minutos. Sito foi un auténtico pesadelo para os mugardeses e puxo a proba en máis dunha ocasión ao meta Agustín, que tivo traballo constante por medio deste xogador. Ben é certo, que pola contra, o visitante Juan Jesús tivo unha moi clara no primeiro tempo que tampouco aproveitou. Con empate a cero chegouse ao final da primeira metade. Na continuación, o cadro visitante saíu con outros brios. Non houbo demasiadas ocasións, aínda que ambos os equipos buscaron insistentemente as porterías contrarias. Houbo que agardar ao último cuarto de hora de partido para poder ver os goles de ambos os equipos.
O primeiro en adiantarse foi o cadro local. Foi cun tanto de Raúl tras un lanzamento que logo de golpear no poste, introduciuse na portería de Agustín. Lonxe de vir abaixo, os visitantes puxéronse o mono de traballo e catro minutos máis tarde conseguirían o tanto do empate. O autor Manel, tras o lanzamento dun corner. Tras o empate o Galicia creceuse e buscou con insistencia o tanto da vitoria, pois viu posibilidades para iso. No 87 Marcos Remeseiro tivo unha clara ocasión, pero a sorte negoulle o gol, unha sorte que non sería esquiva dous minutos máis tarde, pois este mesmo futbolista faría o tanto do triunfo de xogada persoal. Tras o gol, gran alegría da expedición mugardesa, que a próxima semana podería certificar no seu campo a permanencia unha tempada máis na preferente.
Laracha: Javi; Josiño, Sito, Raúl, Sandiño, Adriano (Josito, min. 85), Carlos Vigo, Seo, Heber (Gonzalo, min. 75), Porti (Mario, min. 65) e Javi Fontes (Jorge Parada, min. 45)
Galicia de Mugardos: Agustín; Rouco, Jorge, Adrián Martínez, Manel, Fran (Diego Seco, min. 83), Rubén Seco (Rebolo, min. 86), Juan Jesús, Marcos Remeseiro (Jose Antonio, min 90), Suso Pena e Vituco (Juani, min. 45).
Árbitro: García Pinal (Lugo). Expulsou por dobre amarela ao local Raúl (min. 90). Mostrou cartolina amarela aos locais Porti e Gonzalo. Polos visitantes viuna Manel. Goles: 1-0 min. 74 Raúl; 1-1 min. 78 Manel; 1-2 min. 89 Marcos Remeseiro.
Incidencias: Municipal de Laracha. 150 espectadores
voltaaria.com
Sem comentários:
Enviar um comentário