12/12/2011

Simulacro en Punta Promontorio (Mugardos) o vindeiro 16 de decembro



A Xunta e as empresas de Punta Promontorio (Mugardos) realizarán un simulacro do seu plan de emerxencias exterior o vindeiro 16 de decembro


O goberno galego aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias

Durante o simulacro haberá tamén unha proba das sereas que avisarían á poboación en caso de activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE)

A Xunta de Galicia ten previsto realizar o vindeiro 16 de decembro un exercicio de adestramento en caso de emerxencias nos establecementos implicados no Plan de Emerxencia Exterior (PEE) do Polígono Punta Promontorio (Mugardos), que comprende ás empresas Reganosa e Forestal do Atlántico.


Este exercicio, que aparece recollido dentro do texto do PEE, consistirá nunha simulación da activación do Plan, coa participación dos grupos operativos, as empresas e as administracións implicadas. Así mesmo, farase unha proba das sereas, que no caso dunha activación real do plan actuarían como elemento de aviso á poboación.

Neste sentido, un dos obxectivos prioritarios do exercicio é que a poboación da zona de Mugardos se familiarice co son da serea e sexa capaz de identificalos no caso hipotético de activación do plan de emerxencia exterior. Máis alá destes sinais acústicos e dunha maior presenza dos servizos de emerxencia e seguridade na zona de Punta Promontorio, a actividade dos veciños non se verá afectada en absoluto e poderán continuar coa súa rutina.

Aposta pola prevención

O director xeral de Emerxencias e Interior e director do PEE, Santiago Villanueva, destacou a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os plan de emerxencia exterior elaborados polo Goberno galego.

Os PEE teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta adecuada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente. Establecen as medidas de protección idóneas, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos que podan intervir.

Unha vez redactados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, os PEE son validados pola Comisión Galega de Protección Civil, posteriormente aprobados polo Consello da Xunta e finalmente homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil.

Terceiro cinto de seguridade

Aínda con todo isto, hai que lembrar que os plans de emerxencia exteriores representan un “terceiro cinto de seguridade” posto que todas as empresas con risco químico, ademais de cumprir escrupulosamente coa normativa de seguridade industrial a nivel europeo, teñen que estar provistas dun Plan de Emerxencias Interior, que é o que regula o protocolo de actuación no caso de se producir unha emerxencia no interior do recinto.

Antes de que suceda unha catástrofe



Sem comentários: