9/24/2010

Pasado e presente: Centenario da Unión Mugardesa

A emigración foi para a Galicia de finais do século XIX o que a Unión Europea representou para a España dos anos oitenta. O diñeiro do novo mundo chegaba a pobos como Ares e Mugardos da man de entidades que, con sedes en países afastados e case descoñecidos, daban impulso a proxectos educativos laicos, gratuítos e de moi alto nivel educativo. Se a Alianza Aresana foi unha das pioneiras da comarca e ata de Galicia, a Unión Mugardesa representou o progreso no caso da real vila. A constitución da Sociedade Unión Mugardesa de Instrución, feito que ocorreu o día 13 de xuño de 1909, daría lugar un ano e pico máis tarde (2 de outubro de 1910) á entrada en funcionamento dun centro educativo aínda vixente.

Hoxe un século despois, herdeiros e beneficiarios do aquel esforzo colectivo e desinteresado celebran o centenario do centro cun apertado programa de actividades, que arrincará o vindeiro sábado cunha representación teatral e terá no día 2 de outubro unha das súas xornadas máis significativas. Os preparativos están en marcha desde fai practicamente un ano, tal e como confirmou a esta redacción a actual directora do colexio, Nieves Freire.
A recadación de fondos "máis de 8.000 euros en total" e unha chamada de colaboración realizada ao conxunto da poboación mugardesa "para recompilar imaxes e documentación" foron os puntos de partida dunha iniciativa na que están implicados desde profesores e alumnos, ata pais e autoridades locais. Tampouco se pode obviar a colaboración que a comisión organizadora dos actos do centenario atopou entre estudantes e docentes doutros centros e a axuda de Ernesto López Naveira, Vicente Peña e Xoán Rubia, entre outros.
Este interese e traballo queda demostrado desde o primeiro ata o último dos actos organizados. "Sempre en Galicia2 é unha peza teatral que, ademais de abrir o programa do centenario, deixa constancia en catro actos da influencia da emigración no desenvolvemento de Galicia. A representación corre a cargo de alumnos de once e doce anos do centro, será o día 25 e comezará ás 18.30 horas. A continuación, Ernesto López Naveiras pronunciará a conferencia "A tarefa máis fermosa dá emigración galega a América".
Os actos retomaranse o día 1 de outubro coa inauguración de dúas exposicións. O local social de Maiores acollerán as mostras nas que se desglosarán en imaxes tanto os cen anos de existencia do colexio Unión Mugardesa como retrincos da historia das escolas de "habaneiros". Estas aproximacións concluirán cunha conferencia que, a cargo de Vicente Peña, levará por título "Escolas de americanos: proxectos e experiencias sobranceiros de educación popular para a Galicia Rural (1904-1936)".

O día 2, data central do aniversario, os actos prolongaranse ao longo de toda a xornada. Esta comezará cunha viaxe en lancha das autoridades desde o porto de Ferrol ata o de Mugardos, tal e como cen anos antes tamén sucedera con motivo da inauguración do centro educativo mugardés. A visita ás exposicións, o descubrimento dunha placa e un xantar no pavillón municipal co mesmo menú inaugural (serviuse paella, polbo, pastelón de polos, rosbeaff, sobremesas, viños, café e coñac), darán paso, a continuación, ás actuacións de Xoán Rubia e do trío Soboney. O programa finalizará o día 8 de outubro cunha mesa redonda.

Sem comentários: