9/18/2010

Reganosa ampliará a planta de Mugardos cun terceiro tanque

A controvertida planta de gas de Reganosa en Mugardos vai seguir crecendo, segundo anunciou onte no Parlamento o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Para duplicar a súa capacidade, á regasificadora situada na ría de Ferrol non lle bastará con aumentar o potencial de vaporización (transformar máis rapidamente o gas líquido en gaseoso). Necesitará un terceiro tanque de carga igual aos dous actuais (de 150.000 metros cúbicos cada un) e varias plantas satélite como as que agora ten en Ribeira ou Xinzo.
A infraestrutura, que foi deseñada para recibir barcos só en marea alta (hai tan pouco calado que en bajamar é impracticable) e que comezou a funcionar coa tramitación ambiental anulada, contempla no seu plan estratéxico que seguirá crecendo en Mugardos para garantir "estabilidade", ao mercado enerxético e, de paso, converterse no subministrador do norte de Portugal.Na súa comparecencia parlamentaria, o conselleiro de Economía defendeu que a súa política baséase na "galeguidade" a e planificación estratéxica. Como exemplo puxo a operación de Reganosa, onde o capital público aumentará do 10% ao 17,5% para, sumado ao do grupo Tojeiro (que amplía a súa participación actual do 18%), conseguir que o 51% continúe en mans galegas aínda que as caixas vendan o seu parte. A operación esixirá da Xunta 6,9 millóns de euros.

Desde a oposición chegáronlle acusacións de amiguismo (por ir da man do empresario Roberto Tojeiro) e incoherencia, (por pór o berro no ceo cando o BNG quixo que a Xunta participase no sector eólico e agora defender con uñas e dentes o capital público en Reganosa). Henrique Vieitez (BNG), reprochoulle que a Consellería de Economía non faga nada para impedir que as caixas vendan outros activos estratéxicos, como a operadora R.

Tras unha hora e media de debate, a Javier Guerra saíulle o seu lado vehemente: "Só podemos exercer o dereito de tenteo os accionistas. E para conseguir o obxectivo, que ninguén me discute, que é manter a galeguidade, temos que tomar a decisión de ir co grupo Tojeiro. Está entendido? Verdade que é fácil de entender?", espetou ao deputado socialista Abel Losada.

Sobre a participación pública en empresas e a súa dobre vara de medir, Guerra volveu saltar ao rodo para defender o concurso eólico que o seu departamento deseñou logo de tombar o do bipartito. Asegurou que lle dá igual quen se presente, porque "o único que se vai a garantir é o cumprimento dos plans industriais, e que non veña ninguén a utilizar o concurso como un elemento de especulación".

Os beneficios de Reganosa en 2009 ascenderon a 10 millóns de euros, e este exercicio roldarán os 13,2 millóns. Segundo Guerra, nos 42 meses que leva en funcionamento, os 4,7 millóns que a Xunta investiu xeraron 2,3 millóns (entre beneficios e reservas).

elpais.com

Sem comentários: