10/06/2010

I Foro Mugardos Lingua e Sociedade

Os vindeiros 8 e 9 de outubro o Pazo de Rilo do Concello de Mugardos acollerá o "Foro Mugardos Lingua e Sociedade" organizado polo Seminario Permanente de Lingua e Sociedade da Fundación Carlos Casares. Baixo o título "O prestixio social do galego", reunirá a expertos galegos e estranxeiros que disertarán sobre a construción do prestixio das linguas minoritarias.

O Seminario Permanante de Lingua e Sociedade, da Fundación Carlos Casares organiza os días 8 e 9 de outubro en Mugardos o Foro Lingua e Sociedade, unha das actividades dirixidas a fortalecer o proceso de normalización lingüística de Galiza e para afondar no estudo e análise das relacións entre a lingua e a sociedade.
Este ano o Foro Mugardos Lingua e Sociedade titúlase O presitixio social do galego. Nel participarán especialistas galegos e estranxeiros como Glyn Williams, Gabriel Rei-Doval, Xosé Luís Barreiro, Valentín García Gómez, Joan Argenter ou Fernando Ramallo, que abordarán como se constrúe o prestixio das linguas socialmente minoritarias, que variables definen ese prestixio e como se pode actuar sobre elas.
Esta primeira edición do Foro, que ten vocación de continuidade, está destinada ao público xeral interesado no tema, aínda que tamén centrando a atención sobre lingüistas, sociólogos, profesionais de servizos de normalización, axentes e intermediarios culturais, estudantes, etc. Preténdese un debate teórico sobre o tema, sempre dende unha óptica construtiva, asi tamén apuntar algunha liña posible de actuación inmediata.
As incripcións, gratuítas, poden facerse a través do correo electrónico info@fundacioncarloscasares.org ou chamando ao teléfono 986.225.785.

Sem comentários: