10/22/2010

Reganosa pódenos saír ben cara

Nota de Prensa do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

A Xunta de Galiza vai desembolsar 7 millóns de euros que xunto aos 5 millóns aportados nos anos anteriores suman un total de 12 millóns de euros de cartos públicos invertidos nunha empresa privada e que ten o futuro seriamente comprometido polas seguintes cuestións:

1.Inseguridade xurídica.

Recordemos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou dúas sentencias en contra da tramitación ambiental seguida por Reganosa. A falta do estudio de impacto ambiental foi a causa determinante de estas sentencias. Catro anos despois aínda están pendentes de resolución os recursos que Reganosa presentou no Tribunal Supremo de Madrid.

Máis recentemente, no ano 2009, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulaba as modificacións realizadas no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Mugardos e que facilitaron a instalación de Reganosa en Punta Promontorio.

Reganosa ten outros 8 pleitos pendentes de resolver....

2. Incerteza sobre as retribucións que percibirá do sistema gasista.

Estás retribucións son os únicos ingresos de Reganosa, e os acada, independentemente da produtividade que teña a instalación. Cobraría as mesmas cantidades aínda que non regasificara un litro de gas. Dende hai uns meses o goberno do Estado está deseñando unha nova planificación enerxética que podería afectar negativamente a Reganosa .

O abastecemento de gas a Galicia está garantido. Actualmente xa existe o gasoducto de Tui-Llaneras que ten unha capacidade superior en 2,5 veces a produción actual de REGANOSA.

3. Elevado déficit e alto custo de financiamento.

Reganosa construíuse e iniciou o funcionamento no ano 2007, cun crédito de máis de 370 millóns de euros. O crédito foi facilitado aos promotores por un grupo de bancos BBVA e CAIXA GALICIA, RBS e outros. A amortización de este crédito e o pago dos intereses supón un importante lastre para Reganosa que debe amortizar anualmente 20 millóns de euros e pagar xuros por un importe de 12 millóns de euros.

4. Perdida do Control da Empresa.

O verdadeiro control de esta empresa está polo tanto nas mans dos bancos crediticios, que o exercen a través das numerosas garantías que Reganosa lles tivo que outorgar.
Reganosa, debido a esta situación, ten limitadas: a capacidade de endebedamento, a capacidade de gasto e incluso o reparto de beneficios no caso que os houbese.

Débese ter en conta que entre os numerosos avales entregados aos bancos crediticios incluíuse o dereito de prenda sobre as accións dos socios - entre elas as de ENDESA, CAIXA GALICIA, CAIXA NOVA E BANCO PASTOR - que agora están á venda.

Os bancos crediticios polo tanto, poderían obrigar a amortizar adiantadamente parte do crédito, co diñeiro que pagase un terceiro pola titularidade destas accións.

Aquí temos o papel da Xunta de Galicia: compra as accións co noso diñeiro, garante que as tremendas ganancias dos bancos se perpetúen ante un inminente risco da perda do negocio, e de paso, a Xunta contribúe a que o gas natural nos saia algo máis caro a tod@s os consumidor@s.

Resulta asombrosa a sensibilidade da Xunta ante a mínima percepción de risco por parte da banca e a inmediata resposta con cargo aos cartos públicos. O verdadeiro perigo que mantén ameazada a poboación, e a contínua destrución da ría de Ferrol, deben seguir esperando.

Reganosa pódenos saír ben cara.

Ferrol a 22 de Outubro de 2010

Comité Cidadán de Emerxencia

diário liberdade

Sem comentários: