7/13/2011

"Ártabra 21 ante o novo negocio de Reganosa"



Como era de esperar, "La Voz de Galicia" desperta-nos hoxe, cunha "boa noticia" sobre Reganosa co seguinte titular "A regasificadora mugardesa lidera a nivel nacional o negocio das cargas de buques".


Non nos chegaba coa presión de soportar os buques que veñen a descargar o gas natural licuado -GNL/LNG- á xa de por si perigosa planta de gas de Mugardos, que agora temos que soportar tamén que ese mesmo gas sexa despachado no corazón da nosa Ría para fóra. Un irracional negocio que pon constantemente en perigo á Ría, a nosa seguridade e a nosa vida.

O citado xornal que sempre se destacou por ser "a voz de Reganosa", considera unha boa noticia, o que é unha pésima noticia para a poboación que moramos na contorna da Ría de Ferrol que soportamos o depropósito gasístico corrupto e irracional que só serve para encher os petos de diñeiro público aos seus promotores.

Non sabemos cantos, mais a noticia temén di que temos o record en tránsito de camións cisternas por estrada, "que ben" son moi "boas" noticias: "Reganosa está a experimentar un crecemento no tráfico de carga de cisternas". Só temos que lembrar o sucedido un 11 de Xullo de 1978 en Tarragona, no cámping de "Els Alfacs", ao paso dun camión cisterna con 25 Tm de gas licuado -propileno, un gas altamente inflamábel, estoura ao seu paso pola estrada que bordea o cámping, todo queda aniquilado, máis de 240 vítimas mortais, unha vintena de desaparecidos e o recordo indelébel da traxedia que se podía evitar [Entrar].

Di a noticia: "A diferenza doutras plantas do país, que apenas se lle prestaron interese a este tipo de negocio, Reganosa leva máis dun ano sentando as bases para crecer neste tipo de actividade e, de feito, logrou-no, e nestes momentos lidera xa este segmento a nivel nacional". Porque será? Será que Reganosa non era necesaria para o consumo interno de Gas? Será que non era tan estratéxica como argumentaban algúns sectores políticos nacionalistas, para xustificar o inxustificábel? Cando as organizacións políticas que mudaron de postura pedirán desculpas e recoñecerán o seu erro? Un erro que mesmo minguou toda unha organización na nosa Comarca?

A noticia cuantifica o gas que saiu, por este medio, da planta de Mugardos este ano: "Así, no que vai de ano, Reganosa forneceu gas a catro barcos, mentres que o ano anterior só fíxoo a un. En total, as cargas deste exercicio suman 216.600 metros cúbicos de combustíbel, fronte aos 73.100 cargados na planta de Huelva, e aos 69.000, da de Cartaxena". "Que ben", non só entran buques cargados de gas, senón que agora saen tamén cargados. E o Concello de Ferrol, segue negando-se a contemplar no seu Plano de Emerxencias, un eventual accidente no tránsito de buques gaseiros cargados pola nosa Ría, ou unha posíbel emerxencia na propia planta de gas que está situada a pouco máis dun quilometro de Ferrol, do Arsenal e dos asteleiros de Navantia.

Na noticia en cuestión fala-se doutro lucrativo, mais tamém moi perigoso negocio, trata-se da posibilidade de que buques gaseiros que reparan en Navantia, unha vez que zarpen pasen por Reganosa a encher os seu tanques: " ... conta cos equipos máis modernos para levar a cabo a subministración de gas desde os seus tanques aos navíos. Ademais, ao atoparse nas proximidades dos estaleiros, ofrece aos armadores que traen os seus metaneros a reparar a Navantia a posibilidade de saír da ría cos seus tanques cargados ...". Todo o que sexa carga e descarga de gas e tránsito de buques cargados pola Ría, ven a aumentar exponencialmente o, xa de por si, potencial perigo que supon a presencia da planta regasificadora tan próxima aos núcleos de poboación. Aumentado aínda máis este perigo por atopar-se Reganosa encostada ao complexo petroquímico de "Forestal del Atlántico"-"Imegasa" que almacena centos de miles de toneladas de produtos tóxicos e perigosos [Entrar].

Máis a noticia di algo a ter en conta, cando refire: " ... O feito de que Reganosa non reciba moitos barcos para descargar ao mes redunda positivamente no seu crecemento neste mercado, por canto mantén dispoñibles as instalacións para levar a cabo as operacións de carga". Por fin recoñecen a incapacidade de Reganosa a manter-se operativa, xa non dicimos ao 100%, nen ao 80%, nen tan sequera ao 50%. A operatividade de Reganosa está sobre un 43% da súa capacidade real [RATIO UTILIZACIÓN planta 43% Produción media/produción nominal -B/A-] , polo que non está sendo, nen se aproxima a ser óptima, iso que no 2010 subiu un 10% con respecto ao 2009 -segundo os datos do propio Xestor Técnico do Sistema Gasista [Informe del Sistema Gasista Español 2010, publicado o 17.03.2011 ]. Mesmo a propia noticia publica que " ... "As regasificadoras do país rexistraron un descenso da actividade o pasado mes con respecto a xuño do 2010 e, de feito, en Reganosa caeu un 28%".

O despropósito gasístico de Reganosa que xa de por si representa un grave perigo, aumenta exponencialmente cando un buque cargado con miles de toneladas de GNL, entra pola angosta, sinuosa, estreita, longo e de fondos rochosos, canle da ría de Ferrol, para logo pasar máis de 24 horas descargando no pantalán do Porto de Punta Promontorio. No caso de emerxencia, o buque, non podería saír a mar aberto nen polos seus propios medios [como sinala a lexislación de seguridade], nen con axuda, até a próxima marea diúrna, e xa non digamos se as condicións meteorolóxicas son adversas, con fortes ventos, pouca visibilidade, .... A Autoridade Portuaria ten previsto segundo a normativa elaborada pola Capitanía Marítima de Ferrol que, en caso de emerxencia, o buque vaia a uns poucos metros, no fondeadoiro de Santa Lucia, onde non hai suficiente calado para elo, novo despropósito e grande irresponsabilidade.

Ao que íamos, non hai razóns para congratular-se Srs. do grupo "Voz", máis ben hai razóns que nos din por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas vidas. E aquí presentamos 10 razóns moi importantes a modo de síntese:

Porque almacena o equivalente a mais de 12 millóns de bombonas caseiras, o que no caso dun accidente, provocaría unha devastación de difícil cuantificación. No accidente de "Els Alfacs", que matou a 243 persoas, e fireu a máis de 300, a cantidade de gas equivalía tan só a 2000 bombonas.

Porque os gaseiros só poden entrar e saír na ría cando se dan as axeitadas condicións meteorolóxicas (vento e visibilidade) e marea diúrna. No caso de accidente nun buque, durante a manobra de entrada, atraque ou descarga, sería imposíbel aparta-lo da planta e das zonas poboadas.

Porque Reganosa colle da Ría, esteriliza e verte, clorada e a baixa temperatura, perto de 300.000 toneladas de auga ao día. Ademais, promove xunto á Autoridade Portuaria, un proxecto para dragar os fondos da Ría, que pertencen á Rede Natura pola súa riqueza en vida mariña. Aínda dragando a Ría, os gaseiros cargados con LNG, seguirían a ter dificultades para entrar e saír.

Porque os 40 postos de traballo que crea Reganosa, non son comparábeis aos 400, da actividade marisqueira e pesqueira, que pon en perigo esta instalación, tanto polo tratamento da auga como pola súa intención de dragar a Ría.

Porque ten pegado un complexo petroquímico, Forestal do Atlántico, e Imegasa, que almacenan 280.000 m3 de produtos tóxicos e perigosos que no caso dun accidente, pode provocar un efecto dominó de consecuencias devastadoras.

Porque, como ven denunciando o Comité Cidadá de Emerxencia, desde o inicio do proxecto no ano 2000, Reganosa supón o caso de maior corrupción político-empresarial da nosa comunidade, porque só responde á cobiza dos seus promotores, o Grupo Tojeiro, que obtiveron pola venda dos terreos e a concesión portuaria, perto de 30 millóns de euros de beneficio.

Porque incumpre todas as normativas que se lle esixen a unha instalación destas características, Directiva Europea 96/82/CE - Lei Seveso II, NFPA 59 A, Regulamento 2414/1981 Raminp, UNE-NE 1532, R. D. 6/2001 do 8 de maio sobre Evaluación de Impacto Ambiental, Directiva europea 97 /11 /CEE, R.D. Lexislativo 1302/1986 do 28 de xuño, Directiva europea 85/337/CEE.

Porque existen tres sentencias condenatorias, e moitas causas abertas por denuncias, en distintas institucións xudiciais e no Parlamento Europeo.

Porque é unha instalación innecesaria e deficitaria, funciona só a un 40% da súa capacidade e encarece o recibo do gas. Reganosa presionou para fechar o gaseoducto que viña de Tui, que viña suministrando gas, que era suficiente para cubrir a demanda de gas.

10ª Porque, como se demostrou en Xapón, os accidentes existen, e as condicións improbábeis suceden. Polo tanto a única medida efectiva é apartar as instalacións perigosas dos núcleos de poboación. Exemplos existen: Cleveland, Les Alfaques, Aoxaca, Shanghai, Skikda, Houston, Gaoqiao... Non permitamos que a nosa comarca aumente esta tráxica lista!

Nunca é tarde para loitar pola Ría, a nosa Seguridade e a nosa Vida.


Ártabra 21

Sem comentários: