7/17/2011

Reganosa: Vellas mentiras e novos negocios


Nota de Prensa do Comité Cidadán de Emerxencia - Ferrol - 15.07.2011


Diante das novas, sobre Reganosa, aparecidas o pasado día 13 no xornal "La Voz de Galicia". O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol fai as seguintes consideracións:


Dende a súa constitución REGANOSA, pola conivencia dos seus socios, faltou á verdade ao respecto da necesidade da planta en Galicia, falseando os datos para acreditar a súa viabilidade económico-financeira.

Co único fin de cumprir (só formalmente), co 4º requisito necesario para obter a autorización de construción e o preceptivo Vº Bº da CNE, os socios de Reganosa comprometéronse a construír catro centrais de ciclo combinado; Fenosa dous ciclos de 400 MW cada un e Endesa outros dous nas Pontes, con un consumo anual de 1.600 millóns de m³/ano de gas natural, aos que habería que agregar un consumo adicional das empresas de nova creación do grupo Tojeiro de 500 millóns de m³/ano.

A realidade é que o grupo Tojeiro non consume gas, porque as empresas non se fixeron, e os ciclos combinados (700 millóns de euros de inversion) cando non estan parados traballan ao ralentí.

Despois de case 4 anos de funcionamento, os datos de produción facilitados polo xestor técnico do sistema, ano 2010, falan dun funcionamento tan só do 43%. A planta de Reganosa só aporta o 6% do total do estado. Agora, no mes de xuño deste ano, sufriu unha nova baixada do 28% ao respecto do mesmo mes do ano anterior, sendo o ratio de utilización do mes pasado só dun 29% da súa capacidade nominal.

Reganosa foi obxecto de intervencións extraordinarias por parte do xestor do sistema para asegurar os niveis de GNL, mínimo técnico de seguridade nos tanques. A última advertencia foi o pasado 6 de Xullo, véndose obrigada a unha reprogramación, é dicir, foi obrigada a reducir a produción ata que o sistema gasista lograse descargar un gaseiro para subir o nivel nos seus tanques. Hai que engadir a isto que o 25% dos gaseiros tiveron que abortar a súa entrada na data prevista, dadas as condicións meteorolóxicas e a singularidade da Ría de Ferrol.

Agora, preséntannos como unha vantaxe a venda de GNL ao mercado especulador, cargando de novo gaseiros cun gas que orixinalmente era para consumo da nosa comunidade, convertendo a regasificadora como simple depósito para trapichear no mercado do gas.

As plantas do resto do estado teñen produción de gas regasificado suficiente, non necesitan participar no trapicheo da venda de gas como Reganosa, que almacena gas á espera de que soba o prezo, todo a expensas de incrementar os perigos para a cidadanía.

A cidadanía merece información veraz sobre o que está acontecendo en Reganosa e tomar consciencia da irracionalidade das operacións deste trapicheo.

Por exemplo, o pasado mes de febreiro, o buque gaseiro SCF Polar, carga en Mugardos 68.000 m³ de GNL para transportalos a Italia (La Spezia). Un gas que poucos dias antes descargara o "Cheikh el Mokrani" procedente de Arxelia. Por qué o gas alxerino fai a ruta Orán- Ferrol- Xénova que supón 4540 millas náuticas, cando a distancia de Orán a Xénova só é de 715 millas?.

Outro caso para a reflexión e a denuncia, a operación realizada polo gaseiro "Norman Lady". Este gaseiro, que permaneceu atracado dende o 13 ao 16 de Maio, un dia descargou gas en Reganosa, e, sen abandonar as instalacións, carga outra vez nos seus depósitos ese mesmo gas. É este o futuro de Reganosa? Poñer en perigo a nosa seguridade para trapichear co gas?.

Temos razóns para a desconfianza. Lembremos que nas instalacións anexas de Forestal, propiedade exclusiva do grupo Tojeiro, xa a finais dos anos 90, descubriuse un xigantesco fraude co gasóleo. Fraude que, por certo, aínda debe estar sendo investigado polo xulgado.

Sobre o negocio da carga de gas en cisternas, aparte de aumentar os riscos para a cidadanía (lémbrese o accidente dos Alfaques ano 1978), o seu carácter residual non modifica para nada a escasa produción de Reganosa e o seu carácter deficitario.

Mailo empeño dos cómplices mediáticos, en distraer aos cidadáns, a realidade actual amosa a gran patraña dos promotores de Reganosa como instalación ”estratéxica” para Galicia. Unha instalación que, aseguraban, iba a supor o relanzamento da comarca, creando moreas de postos de traballo, etc etc.

Reganosa supón unha ameaza para a vida das persoas que vivimos na contorna, e tamén para o noso medio natural, pois destrúe a riqueza da Ría. O que agora pretenden apresentar como unha vantaxe, é a constatación de que Reganosa como proxecto económico, é un fracaso que se inscribe no marco da burbulla enerxética, apoiada institucional e mediaticamente para beneficio dos seus promotores. Unha estafa a toda a cidadanía, que está a pagala a través das axudas a Reganosa por parte da Xunta de Galicia e da suba das tarifas eléctricas e do gas.

Os gasodutos de Tui e Llanera, sin actividade de entrada desde a posta en servizo de Reganosa, teñen capacidade suficiente para subministrar gas; tanto para as centrais de ciclo combinado como para o consumo convencional.

Estamos a pagar 60 millóns de euros cada ano a REGANOSA, unha instalación ILEGAL, PERIGOSA, DEFICITARIA E INNECESARIA. Non existe pois motivo algún que poida xustificar manter operativa unha perigosa planta de gas como a de Reganosa, que supón ademais dunha ameaza para a poboación, e un alto custe medioambiental, económico e social.



Comité Cidadán de Emerxencia

Sem comentários: