8/28/2011

A lancha de Mugardos agoniza

A lancha que une Mugardos e Ferrol, onte

A lancha de Mugardos afúndese, en sentido metafórico. A embarcación, que outrora era un transporte concorrido non só por turistas senón por traballadores, é hoxe en día unha alma en pena pola ría ferrolá.


Vinte persoas os días malos, cincuenta algunhas xornadas boas, cen en casos excepcionais. É a ocupación que está a rexistrar este verán o barco que viaxa de Ferrol a Mugardos e viceversa, nove veces en cada sentido ao longo do día. Nada que ver con outras tempadas, fai catro ou cinco anos, cando ata 300 pasaxeiros eran transportados cada xornada.

Non é o primeiro estío malo para a embarcación. Xa en setembro de 2002 recortáronse as viaxes, que antes se facían durante todo o ano. Desde aquela, a lancha só asuca a ría en tempada alta -verán e Semana Santa-. Aínda así, a afluencia era boa nos meses calorosos, ata que nos últimos exercicios os pasaxeiros baixaron de forma alarmante.

«A situación é mala, moi mala», afirma Francisco Fernández Cabana, o empresario encargado do transporte. O seu barco, o Rías Altas Un, é o que fai o percorrido entre Ferrol e Mugardos cada día. Desde o 1 de xullo, data na que se inaugurou este servizo, a media de pasaxeiros na lancha foi moi baixa. «E isto vai empeorando», asegura Fernández Cabana.

¿As causas? Este transporte converteuse en algo turístico actualmente, non nun servizo de traslado colectivo, similar a un autobús, como foi durante moito tempo. Segundo Cabana, a construción de novas estradas e o uso do coche foron minguando esta utilidade.

O empresario móstrase reticente a continuar con este servizo o ano que vén. «Encarécese o gasoil, hai que pagar ambos os portos...», explica. «O próximo verán non o farei, seguramente», asevera. «Ou pensarei outra cousa, quizá trasladarme a outro sitio», engade Cabana.

A lancha de Mugardos ofrece nove traxectos de ida e outros tantos de volta ao día entre os portos ferrolán e mugardés, a un prezo de 3 euros por percorrido. Cabana cre que promocionándoa e con algunha subvención, a ruta iría moito mellor. «A ver se as administracións arriman o ombreiro», desexa. «E que a xente veña a gozar do percorrido», anima.

avozdegalicia.es

Sem comentários: