Os alumnos do IES Mugardos están este curso máis cerca que nunca da arte contemporánea grazas á iniciativa "Isto faino un neno" , coa que os profesores Manuel Pousa e Juan Carlos Freire queren contaxiarlles a súa paixón pola plástica de vangarda. Onte tocoulle a quenda ao grafiti, unha forma de expresión de definición tan controvertida como a da arte, pero con gran atractivo para os máis novos.
A proposta de que os alumnos puidesen elaborar un grafiti nos muros do instituto atopou candidatos desde o primeiro momento. Cada un presentou o seu debuxo e a selección final recaeu no artista invitado, Delio, un licenciado en Belas Artes que conta con gran experiencia no traballo con mozos. Na mañá de onte atopáronse, no centro mugardés, o mestre e os entusiasmados alumnos, que puideron aprender os rudimentos do spray e comezar a plasmar no muro as súas creacións.
Os grafitis dos estudantes, xunto co que elaborará Delio para o centro, quedarán no instituto como testemuño da inquietude artística da comunidade educativa. Antes visitou o centro o recoñecido debuxante Miguelanxo Prado, que falou aos alumnos sobre as técnicas do cómic, e no que resta de curso os promotores de "Isto faino un neno" teñen previsto organizar novos e apaixonantes encontros entre os rapaces e varios artistas de renome.
O proxecto, comenta Juan Carlos Freire, naceu coa intención de vencer a "desconfianza" que, en xeral, existe cara á arte contemporánea. E a experiencia superou todas as expectativas, posto que conta co apoio do Concello e de diversas institucións museísticas e está previsto que as actividades complétense coa edición dun libro.
A iniciativa plasmouse tamén nunha exposición que se pode visitar xa no instituto mugardés e que aínda crecerá no que resta de curso. A través da mesma o público pode achegarse de forma sinxela á linguaxe e as intencións da arte contemporánea.
A previsión dos profesores é poder manter a mostra aberta durante o verán dentro do propio centro e que despois se converta en itinerante. Ademais dos paneis divulgativos que deseñou a profesora Marta González, a exposición conta con reproducións de obras de diferentes artistas actuais acompañadas dun comentario, feito ex profeso polo autor, na que as comenta para os mozos expectadores.
Última páxina Diario de Ferrol
1 comentário:
Unha magnífica idea a compartir con todos se con ela logramos convencer de que o spray pode chegar a ser arte se o usamos convenientemente e nos lugares axeitados, aínda que hoxe en día a realidade dista moito do obxectivo que persegue esta iniciativa, posto que abonda con pasear por calquera das nosas rúas para darse conta diso.
De todos os xeitos parabéns pola iniciativa e esperemos que esta campaña chegue a todas as nosas cidades e vilas.
Un saúdo.
Enviar um comentário