A eléctrica mantén en Galicia a central térmica das Pontes, que xera 1.400 megawatts e emprega a 900 persoas, así como a central de ciclo combinado -tamén nas Pontes-, con 800 megawatts e medio centenar de traballadores en persoal. A isto súmanse tres centrais hidráulicas nos ríos Sil e Bibei, e outras dúas no Eume, ademais do 21% do accionariado da regasificadora de Reganosa, en Mugardos, e unha terminal de descarga de carbón no porto exterior de Ferrol.
Polo que respecta aos seus activos eólicos, tras as vendas a Acciona, Endesa quedouse na comunidade con 219 megawatts repartidos en sete parques en funcionamento. Así mesmo ten en tramitación outros 60 megawatts (aínda que en parques que aínda non están abertos) e no concurso da Xunta obtivo 189 megawatts máis, que se materializarán ou non en función do futuro da polémica adxudicación.
O presidente anunciou na súa intervención ante os accionistas que a eléctrica mantén os seus plans de investir 13.500 millóns de euros ata o 2013 e a súa previsión de aforrarse máis de 800 millóns grazas a sinerxías ata o 2012, fronte aos 680 anunciados. A incógnita está en saber se os italianos tratarán de rendibilizar a enerxética con recortes de persoal.
Sem comentários:
Enviar um comentário