12/04/2009

EU recalca que o seu expediente sobre Reganosa segue aberto

Planta de gas de Reganosa en Punta Promontorio (Mugardos)

Os opositores á planta de gas non se renden, a pesar de que o Parlamento Europeo anunciaba o mércores o arquivo das denuncias veciñais ao non detectar irregularidades na planta. Esquerda Unida recalca agora que o seu expediente sobre Reganosa permanece aberto, e que ata presentará nova documentación. A Comisión de Peticións europea, que atende as reclamacións de carácter veciñal, indicara o arquivo do expediente tras as queixas da Federación Veciñal Roi Xordo, a Confraría de Mariscadores e a propia Esquerda Unida, tal e como publicou este xornal.
Pero a formación política insiste en que as súas denuncias seguirán adiante, de man do deputado de Esquerda Unida no Parlamento Europeo, Willy Meyer. "A única petición que non se arquivou en Estrasburgo é precisamente a nosa", confirma a coordinadora de EU, Iolanda Díaz. O eurodiputado Meyer decatouse durante estes días do inminente arquivo das queixas dos outros colectivos,"realizou as xestións ante o Secretariado da Comisión de Peticións, e logramos que nos solicitasen máis información para acreditar a gravidade da ubicación da planta dentro da ría de Ferrol". EU consegue así unha prórroga para as súas reivindicacións: "En colaboración co Comité Cidadán de Emerxencia e cos implicados na defensa da legalidade intentaremos amosar os riscos de semellante bomba".
Ás portas do Goberno central seguirá chamando EU, a través de iniciativas parlamentarias no Congreso dos Deputados. "Pediremos así que nos expliquen os últimos problemas que teñen os gaseiros para entrar na ría de Ferrol, e os perigos derivados para os veciños", explica Iolanda Díaz. Segundo esta formación, incúmprese supostamente "a lexislación sobre a distancia de seguridade respecto os núcleos de poboación".

Para manter a vixencia do expediente en Bruxelas, remitiranse máis documentos sobre o presunto perigo das instalacións, "pelexaremos ata ou último momento para defender a legalidade." EU recorda ademais que "seguen pendentes de resolver os recursos xudiciais sobre o emprazamento de Reganosa".

Sem comentários: