Parque eólico na Capelada
O portavoz de Economía do BNG, Fernando Blanco, asegurou que ''co Decreto Eólico do Goberno Bipartito púñase por primeira vez a enerxía ao servizo de Galicia, mentres que coa nova Lei Eólica do goberno do PP volvemos á expoliación dos nosos recursos, sen contrapartidas para Galicia''.
Fernando Blanco subliñou que co Decreto Eólico do Bipartito ''garantíase o retorno da riqueza para o país; respectábase o medio ambiente e garantíase a seguridade xurídica''. ''Ningún destes requisitos -advertiu- cúmpreos agora a nova norma do goberno de Feijóo, e por iso quérense protexer a través dunha lei''.
Así, o deputado do BNG defendeu a participación pública que se contempla no anterior Decreto Eólico, ''algo fundamental para xerar beneficios públicos, e porque en calquera país é necesaria nun sector estratéxico como é a enerxía, tal e como fixera a Xunta en Reganosa e outras empresas''.
Menos protección ambiental
Ademais, Fernando Blanco lamentou que o Decreo Eólico ''tiña como obxectivo pór a enerxía ao servizo do desenvolvemento industrial do país e abrir o mercado da enerxía ás empresas galegas a través dun proceso de competencia e selección''.
Neste sentido, denunciou que ''rompeu co coto pechado das grandes eléctricas que expoliaban os nosos recursos, pero pagaban impostos e xeraban riqueza fóra do noso país, un modelo que implantou o goberno do PP nos 16 anos anteriores aos que vostedes queren volver''.
Por outra banda, o deputado do BNG denunciou que a nova lei eólica de Feijóo ''perde garantías ambientais, porque non exclúen os espazos de Rede Natura e non prevén a obriga de que todos os parques eólicos teñan que ser sometidos a avaliación de impacto ambiental''.
Inseguridade xurídica do canon
En canto á supresión da participación pública da Xunta de Galicia no accionariado e substitución por un canon eólico, o parlamentario nacionalista advertiu de que ''non é máis que un argumento para defender a súa lei eólica diante da sociedade''.
Ademais advertiu que ''tal como está exposto presenta importantes erros técnicos e xurídicos, porque non parece lóxico que por unha banda incentivemos as enerxías renovables con axudas públicas e logo as gravemos cun canon''. A este respecto alertou que ''é posible que ao final o canon poida provocar que suba o recibo da luz e sexa pagado polo conxunto da sociedade''.
Sem comentários:
Enviar um comentário