11/30/2009

Un empate con sabor a vitoria


O Galicia de Mugardos sumou un empate ante o líder Betanzos que sabe a vitoria. E é que os de Ferrolterra souberon controlar non só ao seu rival senón tamén a un mal terreo de xogo e ás inclemencias meteorolóxicas -ademais dunha forte granizada, o colexiado parou varios minutos o choque debido á escuridade no campo mugardés- para que o equipo visitante incluíse na súa marcadora o primeiro empate da tempada.
O técnico Cata soubo transmitir aos seus xogadores os seus coñecementos sobre o rival e esa circunstancia notouse sobre o terreo de xogo da Pedreira. Así, durante a primeira metade os seus pupilos contaron con varias ocasións e foi nos últimos minutos desta cando Jorgito sufriu unha falta que os mugardeses protestaron como penalti, pero que o colexiado non sinalou. Deste xeito, tanto Mugardos como Betanzos se retiraron aos vestiarios co empate a cero inicial no marcador.
Xa na segunda metade, ambas as formacións contaron con ocasións máis claras. No caso dos visitantes unha destas transformouse en gol da man de Xoel tras un centro de Pepe. Pero o Betanzos apenas estivo un minuto por diante no marcador, posto que, practicamente no seguinte ataque local, Juan Jesús logrou bater ao meta Darío desde fóra da área cun lanzamento pola escuadra. Con esta situación de igualdade as dúas formacións xogaron as súas bazas para sumar a vitoria pero finalmente repartíronse os puntos no campo da Pedreira.
Con este resultado o Mugardos colócase na duodécima posición da táboa, grazas tamén ás derrotas de Castro e Laracha. Así mesmo, achégase a Foz, Viveiro e Santiago de Compostela, que non lograron vencer nos seus respectivos compromisos.

Sem comentários: