12/06/2010

O Galicia de Mugardos segue sen vencer no seu terreo de xogo

Galicia de Mugardos 0-3 Grixoa

O Galicia de Mugardos segue sen gañar diante dos seus afeccionados e onte sucumbiu no enfrontamento ante o Grixoa por 0-3. Con todo, o equipo de Germán Amil fixo méritos para lograr algún punto, principalmente na primeira metade, na que foi o claro dominador da contenda e dispuxo das mellores ocasións para inaugurar o tenteador. Así, aos seis minutos, un remate de Óscar Pérez saíu rozando o poste da meta contraria.

Máis tarde, foi Maikel o que probou fortuna, pero o porteiro atallou o esférico. Cerca do descanso, un lanzamento de falta foi desviado a córner polo cérbero cando na bancada xa se cantaba o gol. Coa impotencia dos xogadores locais por non anotar, os contendentes retiráronse aos vestiarios.
Aínda por riba de males, nada máis iniciarse a segunda metade, o conxunto mugardés viu como o seu rival púñase por diante no marcador. Foi nunha falta de entendemento entre Jorge e Agustín, o que aproveitou Sergio Leis para empuxar o balón ao fondo da rede.
O Galicia de Mugardos tratou de buscar o empate, pero sufriu outro golpe nunha xogada pola banda que terminou cun centro ao área que David puxo o esférico lonxe do alcance do meta. Ese tanto foi unha laxa para os xogadores da Pedreira e máis cando Gonzalo colocou o 0-3 que, ao cabo, sería definitivo.

Con este resultado, o conxunto de Germán Amil complica a súa situación na clasficación, xa que aínda non sabe o que é gañar no seu campo.

Galicia de Mugardos: Agustín, Rubén, Jorge, Manel, Adrián Martínez (Rouco, min. 75), Juani, Rubén Seco (Rebolo, min. 69), Juan Jesús, Maikel (Diego Seco, min. 80), Óscar Pérez (Puchi, min. 80) e Vituco.
Grixoa: Toledo, Chenel, Lobo (Cachi, min. 84), Capis (Franqueira, min. 85), Sebas, Gonzalo, Sergio Leis (Raíña, min. 67), Manuel, David (Peque, min. 88), Adrián Neto e Esteban.
Árbitro: David Portela, de Pontevedra. Amoestou aos xogadores locais Rubén Seco e Óscar Pérez e aos visitantes Lobo, Sergio Leis e David.
Goles: 0-1 min. 49: Sergio Leis; 0-2 min. 62: David; 0-3 min. 70: Gonzalo.

Campo: A Pedreira, ante uns trescentos espectadores.

Sem comentários: