S.Compostela 1-1 G.Mugardos - Juan Jesús min 29 - 1ªparte
Santiago e Galicia Mugardos asinaron táboas en San Lázaro nun encontro que os locais foron incapaces de decidir ao seu favor. Segunda xornada consecutiva sen vencer para os homes de Suso Moure, que parecen estancarse na zona amornada da clasificación. O Mugardos, que logrou a domicilio todas as vitorias con que conta no campionato, volveu ofrecer a súa mellor versión como visitante, pero continúa unha xornada máis coqueteando cos postos de descenso da clasificación.
Á primeira metade faltoulle ritmo. O conxunto visitante, en parte por condescendencia local, en parte por méritos propios, foi crecendo no partido a medida que se ían consumindo os minutos. A unha primeira media hora de xogo aséptica e fría, seguiron quince minutos de armas no alto por parte de ambos os equipos.
Abriu fogo no marcador o cadro mugardés no minuto 29. Juan Jesús, o futbolista máis entoado do equipo visitante ao longo do primeiro acto, executou con acerto e picardía unha falta lateral desde o costado dereito que se coou axustada ao pau defendido polo gardameta. O Galicia Mugardos golpeara primeiro pero o efecto balsámico do gol sería demasiado efémero. Dous minutos máis tarde, o colexiado sinalaba pena máxima por unha inocente man do defensor Jorge dentro da área. Roberto Feáns encargouse de materializala cun disparo centrado pero potente. Era o 1-1, o resultado co que se chegaría ao descanso.
A segunda parte foi outra historia. O Santiago atopou a profundidade que lle faltou no primeiro tempo e o seu dominio territorial sobre o céspede comezou a facerse efectivo.
No minuto 70, a punto estivo Óscar Pérez de volver pór aos seus - os visitantes- por diante pero o seu golpeo final, logo dun contragolpe de libro, marchouse desviado. A achega en ataque deste futbolista, traballando entre liñas, foi vital para o xogo do seu equipo.
Cinco minutos máis tarde, Adán puxo a réplica para os locais, cun formidable cabezazo que se atopou co poste.
Os pupilos de Suso Moure foron incapaces de completar a remontada ante un Mugardos que terminou pedindo a hora ante os locais, que foron superiores.
Santiago: Javi, Rubén, Uxío, Cholo, Martín Barreiro (Mateo, min. 70), Roberto Feáns, Jacobo, Bendaña, Baptiste (Adán, min. 57), Chiño (Vila, min. 64) e Martín González (Ayaso, min. 76).
Galicia Mugardos: Agustín, Rubén, Jorge, Rouco, Manel, Diego Deco, Puchi (Grueiro, min. 81), Juani (Vituco, min. 90), Óscar Pérez (Rebolo, min. 85), Juan Jesús e Maikel.
Goles: 0-1, min. 29: Juan Jesús; 1-1, min. 31: Roberto Feáns, de penalti.
Árbitro: Veiga López (Lugo). Mostrou cartolina amarela aos locais Rubén, Roberto Feáns, Vila e Adán, e aos visitantes Jorge, Rubén, Manel, Óscar Pérez, Juan Jesús e ao seu técnico, Germán Amil.
Campo: San Lázaro, 100 espectadores.
elcorreogallego.es
Sem comentários:
Enviar um comentário