O derbi entre os equipos de Ferrolterra caeu ao lado pontés
O Galicia de Mugardos terá que esperar, polo menos, unha xornada máis para sumar os seus primeiros puntos na liga de Preferente Autonómica. E é que a primeira xornada de liga desta competición deixou o primeiro derbi da tempada, así como a primeira vitoria dun conxunto de Ferrolterra, neste caso o As Pontes. Cun campo a rebordar, cheo tanto de afeccionados mugardeses como ponteses, a primeira parte non evidenciou a diferenza que en teoría hai entre un Mugardos recentemente ascendio e un As Pontes xa asentado na categoría.
Os visitantes tiveron momentos de gran calidade nos que demostraron que as súas intencións son as de ocupar os postos da zona alta aínda que os locais contaron con numerosas ocasións de marcar. Con todo, foi o conxunto de Alberto López o que abriu o marcador grazas a un desafortunado despexe de tacón de Esteban, balón que rematou Alonso para adiantar ao As Pontes. Con esta mínima desvantaxe, o Mugardos comezou a segunda parte como unha auténtica apisoadora, con ocasións de Pablo Lorenzo e Mario David, un acoso ao área pontesa que tivo a súa recompensa grazas a un lanzamento de falta de Esteban que terminou na portería defendida por Quico. Coas táboas no marcador, Dani Eume e Óscar puideron aumentar a renda local, mentres que tamén houbo discutidas accións que puideron cambiar o rumbo do choque.
Con todo, os ponteses tiveron a fortuna do seu lado neste debut ligueiro, posto que, cando parecía que a repartición de puntos sería o resultado final, Parada cabeceou ao fondo da rede un centro de Adriano que practicamente coincidiu co asubío que sinalaba o final do derbi entre as formacións de Mugardos e As Pontes.
Sem comentários:
Enviar um comentário