A depuradora da marxe sur da ría e o seu sistema de canalizacións, que dará servizo a Ares, Fene e Mugardos, estará operativa a inicios do 2012 e as súas tarefas atópanse en marcha. Así o indicaron onte fontes oficiais consultadas na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Sinalaron que o feito de que non se reserve ningunha partida nas contas para esta iniciativa -figuran 328.265 euros para crear a rede de saneamento en Chanteiro (Ares), pero se trata dunha actuación distinta- non implica nin atrasos nin paralizacións. Desde o departamento que dirixe Agustín Hernández indicouse que se trata dunha «obra pública» que, cando estea culminada, será explotada polas empresas que a están construíndo durante un cuarto de século.
Foi xa no Boletín Oficial do Estado (BOE) do 12 de agosto de 2008 cando se fixo pública a adxudicación do proxecto, obra e explotación da instalación por algo máis de 67 millóns de euros á unión temporal de empresas (ute) formada por Construcións Taboada e Ramos e Copasa.
As obras físicas arrincaron en "abril" e as compañías, por contrato, dispoñen de 32 meses para executalas. Calcúlase, deste xeito, que estarán listas a finais de novembro do 2011. Para a práctica administrativa, supón xa entrar no 2012.
Sem comentários:
Enviar um comentário