Ao longo da centenaria historia do porto ferrolán -o próximo ano cumprirase un século desde a constitución da súa primeira xunta-, á entrada da ría foron chegando buques cada vez máis grandes. A cuestión do calado, xa que logo, gañou relevancia a medida que aumentaba o tamaño dos navíos. O último proxecto para dragar a ría e mellorar as condicións de entrada continúa en tramitación e a Autoridade Portuaria espera finalizar proximamente o seu estudo de impacto para remitilo ao Ministerio de Medio Ambiente.
A nova intervención planeada sobre os fondos da ría local sería unha continuación dos traballos acometidos na década dos 90, aínda que de menor magnitude. Entón, as obras permitiron ampliar o calado da canle de entrada ata os 12 metros. Nesta ocasión, non se trataría de conseguir máis profundidade, senón de igualala en todos os puntos.
O proxecto, redactado en 2007, fíxose necesario despois de que o Instituto Hidrográfico da Mariña detectase que había varias zonas da canle onde non se alcanzaba a citada cota. Segundo explican desde a dársena local, a mellora dos instrumentos de medida fixo posible descubrir eses puntos. A intervención, xa que logo, busca mellorar as condicións de seguridade para os buques.
Desde o Porto non dan aínda datas de cando podería iniciarse o novo dragado, aínda que se avanza que a repercusión sobre os tráficos sería "mínima" e que o prazo de execución sería reducido. En comparación coas obras dos 90, nas que se dragaron máis de 72.000 metros cúbicos de material, os ao redor de 2.500 metros cúbicos do novo proxecto supón apenas un tres por cento do volume de entón.
O "Juan Carlos I"
O buque de proxección estratéxica "Juan Carlos I", cuxa construción ultiman o estaleiro ferrolán de Navantia, supón un bo exemplo do crecemento experimentado polos navíos, neste caso militares. O que será o maior buque da historia da Armada española, con 230 metros de eslora (lonxitude) e 32 de manga (anchura), realizou fai dúas semanas as súas probas de mar. Aínda que o seu calado máximo só chega aos sete metros, e xa que logo podería navegar pola canle de entrada da ría, preferiuse facer coincidir a súa saída e regreso coas horas de marea alta, para maior seguridade. As dimensións deste megabuque repetiranse nos dous similares que Navantia fabricará para a Mariña australiana, realizados seguindo o modelo do "Juan Carlos I".
Os gaseiros que abastecen de gas natural licuado (LNG/GNL) á planta de Reganosa son outros dos buques de maior tamaño que entran na ría. Para aforrar custos de transporte, as novas xeracións de gaseiros chegan a alcanzar os 12 metros de calado. Con todo, dada a capacidade da planta mugardesa, estes xigantes nunca serían necesarios. Os convencionais son máis que suficientes para abastecer os seus depósitos, que ademais sempre deben manter unha reserva do 50% da súa capacidade, polo que nunca chegan a encherse ao completo.
MANIFESTO do C.C.E. para a Ría de Ferrol
Alegaciós da Sghn ao Proxecto de mellora de calados na canle da Ría de Ferrol
Sem comentários:
Enviar um comentário