10/22/2009

Un de bares no Torrente


Ábrese o pano e aparecen unha camareira de Ferrol, un vixiante de seguridade e un electricista en paro de Mugardos, un actor-sindicalista de Narón e un ourensán xuntos. Non é ningún chiste fácil. Son os cinco finalistas do primeiro concurso de monólogos Monolobar da Asociación de Hostaleiros de Ferrol e Comarca.
Todos eles arrincaron onte unhas gargalladas na capela do Torrente Ballester ao respectable, que encheu ata a bandeira o auditorio.
A temática dos monólogos corría ao redor dos bares. E así se lanzou a ferrolá Cristina Moreira, de 27 anos, a detallar un amplo catálogo de vodas: «A rica, a militar, a alternativa e a jailana de Lugo, coa súa variante das Rías Baixas». Un compendio gastronómico que remata bailando Paquito o chocolateiro... «e aí vai todo o encanto ao carallo». O seu monólogo serviulle para gañar o primeiro premio (300 euros e dúas noites de turismo rural).
O mugardés Iván González, de 19 anos, relatou que a súa vila é «mundialmente coñecida» por dous aspectos: no primeiro caso, comparou os tanques de Reganosa a «ter a Yola Berrocal tombada na praia da Bestarruza». A segunda era a Festa do Polbo, «que vale pola en galego, pero ponche na pel dos veraneantes».
Os dous primeiros consideraron o concurso como unha proba «para coller experiencia». Son alumnos da Escola de Actores de Narón. O terceiro monologuista, Bertín Cartelle (Mugardos, 28 anos), xamais fixo algo similar. «Fixen o simulacro de apuntarme para ver se viñan os colegas e ao final botáronse atrás», sinalaba. Pero conseguiu amornar os nervios e cando arrincou os primeiros aplausos brindou ao público un «gustádesme moito máis así». Fixo un catálogo dos tipos de bares que non tiña desperdicio. [Ler máis]

Sem comentários: