6/02/2010

A Lei de Costas impide o uso residencial do Castelo da Palma


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e a secretaria xeral de turismo, Carmen Pardo, (e membros do PPdG de Mugardos) realizaron onte unha visita ao castelo da Palma convidados polos actuais propietarios do mesmo, a Sociedade Castillo de la Palma SL.

No seu percorrido pola edificación, o responsable da entidade, Juan Muñoz, explicoulles o proxecto da empresa para este enclave mugardés, paralizado desde o ano 2003, cando mercaron a fortaleza ao Ministerio de Defensa para reconvertelo nunha infraestrutura hoteleira –con talasoterapia e de cinco estrelas–.
Carmen Pardo recordou que o proxecto ten tódolos permisos dos diferentes organismos da Xunta, faltando tan só o do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM) para poder darlle ao castelo un uso residencial. Pardo asegurou que o goberno autonómico apoia “incondicionalmente” esta iniciativa e anunciou que solicitarán ao Goberno central o permiso definitivo “para iniciar canto antes a rehabilitación”. O propio Goberno central, a través do MARM, realizaba onte unhas “puntualizacións” nun comunicado respecto aos usos do castelo. Nas mesmas apuntaba que a edificación se atopa nunha zona de servidume e protección, unha circunstancia, aseguran, que debería ter sido en conta á hora de adquirir o edificio. O Ministerio asegura que a lexislación española en materia de Costas “prohíbe os usos residenciais, incluído o hoteleiro, na zona de servidume e protección”.
Desde o MARM aseguran que a Lei de Costas de 1988 contempla que estas edificacións situadas en zona de servidume de protección poden ser rehabilitadas como Bens de Interese Cultural e Patrimonial con usos acordes co establecido na normativa vixente.
A secretaria xeral de Turismo explicou que a posta en marcha desta infraestrutura hoteleira contribuirá á dinamización turística e económica de Mugardos. Así mesmo, a intervención proxectada permitiría evitar que a fortaleza continúe deteriorándose. Pardo apuntou que “en tempos de crise non é doado atopar empresarios con dispoñibilidade empresarial para levar a cabo unha iniciativa que suporá a creación de 60 postos de traballo directos e 20 indirectos e un investimento de vinte millóns de euros”.

Diario de Ferrol (Novo)

Sem comentários: