6/30/2010

Van gasificar Mugardos e Ares


Gas Galicia e Endesa aspiran a desenvolver as redes de transporte de gas natural en tres municipios da comarca. Así consta na información publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) , na que dá conta que a Xunta iniciou os trámites para conceder as autorizacións administrativas a Gas Galicia para a execución da canalización de gas natural nas Pontes e a Endesa en Mugardos e Ares. Coa publicación destas dúas resolucións ábrese un prazo de 30 días para que outras empresas distribuidoras de gas natural, se así o consideran necesario, presenten as súas solicitudes e tamén para que as firmas peticionarias completen documentación.
Nos tres municipios, a gasificación realizarase a través de tendidos que partirán dun dos dous gasodutos de Reganosa, a sociedade impulsora da planta de gas de Mugardos.
Nas Pontes, Gas Galicia ten proxectada a construción dunha pequena terminal satélite, que estará situada no polígono de Penapurreira e desde a que abastecerá de combustible ao municipio. O orzamento que estimara a compañía -pertencente a Gas Natural Fenosa- ascende a 2,3 millóns de euros.

En Mugardos e Ares


Pola súa banda, Endesa presentou a solicitude para desenvolver a rede en Mugardos e Ares, que parte do gasoduto de Reganosa e discorrerá pola vila pulpeira ata conectar coa AC-130, onde se bifurcará para configurarse en dous ramais polos dous municipios. Non será ata dentro dun mes cando se coñecerá se estas empresas son as que van a gasificar os tres concellos ou serán outros operadores.



Sem comentários: