7/06/2010

Industria apraza a nova rede de gas galega e a ampliación de Reganosa


O Goberno prevé demorar polo menos ata o 2012 o inicio das dúas infraestruturas, que suman 440 millóns. A Xunta xa presentou alegacións contra o recorte anunciado polo Executivo

O Ministerio de Industria decidiu aprazar as dúas únicas infraestruturas de gas en Galicia que foran incluídas na planificación enerxética nacional para o período 2008-2016: o novo gasoduto de enlace entre Lugo e Madrid e a duplicación da capacidade de regasificación de Reganosa. Trátase de obras que suman un investimento conxunto de 440 millóns de euros, e que xa tiñan que estar en execución. De feito, o gabinete de Miguel Sebastián explicou que se pospuxeron aquelas actuacións que aínda non arrincaran, tomando en conta o escenario económico actual e as previsións da demanda.
En total, o Goberno demorará proxectos en todas as plantas de regasificación do país fóra da proxectada en Asturias, gasodutos en Galicia, a Meseta, Andalucía, Murcia e estacións de compresión valorados en 1.943 millóns de euros. Case un 25% dese recorte padecerao Galicia.

Cualificado como urxente

No caso do gasoduto entre Guitiriz (Lugo) e Algete (Madrid), o Ministerio de Industria cualificara o primeiro dos seus tramos como urxente, pero pasa a considerar agora esta infraestrutura como non prioritaria. Son obras "cuxa necesidade non se xustifican actualmente pero serán reconsideradas de face ao novo exercicio de planificación 2012-2020", sostén o Gabinete de Miguel Sebastián. Na práctica, supón que polo menos ata dentro de dous anos non se iniciarían os traballos de construción do novo conduto e da ampliación da capacidade de regasificación -que non das instalacións- da regasificadora da ría de Ferrol. Ambas as actuacións terían que estar finalizadas no 2013.
Os novos cambios, recollidos na revisión anual da planificación estatal do período 2008-2016, foron remitidos tanto ás respectivas comunidades autónomas como aos distintos operadores enerxéticos. Fuentes do sector aseguraron que tanto a Xunta como as empresas afectadas presentaron alegacións contra as pretensións do gabinete de Miguel Sebastián. Tampouco se pronunciou aínda a Comisión Nacional da Enerxía (CNE), que estuda nestes momentos as previsións do Ministerio de Industria, polo que o documento final podería ser modificado.

Conxuntura enerxética

Aínda que a revisión efectuada polo Goberno ao programa estatal iniciouse hai varios meses, cunha conxuntura enerxética máis desfavorable que a actual, en Galicia alúdense a razóns políticas e non exclusivamente económicas e técnicas, como causantes dos recortes nalgunhas obras, como as dúas da comunidade. Neste sentido, cuéstionase que a regasificadora asturiana -aínda en obras- sexa a única á que non se impoñen demoras. Trátase da planta que está chamada a competir coa galega.
Os mercados eléctricos e gasista de España pecharon o pasado exercicio con caídas na demanda, pero a situación, desde que se iniciou este ano, é diferente, de forma que o consumo recuperouse. De feito, a información que manexa Enagás, o xestor técnico do sistema apunta a que entre xaneiro e abril, a demanda gasista creceu máis dun 4% con respecto ao mesmo período do 2009 e tamén Red Eléctrica Española (REE) chegou a modificar á alza as previsións de crecemento do consumo.

A Voz de Reganosa

Sem comentários: