3.500 racións repartiranse na Festa do Polbo de Mugardos
A Festa do Polbo de Mugardos acada este ano a súa maioría de idade coa declaración no 2009 de Festa de Interese Turístico Galego. Unha festa de exaltación gastronómica recoñecida a nivel de Galicia e fóra das nosas fronteiras. O produto estrela é o polbo á mugardesa do que cada hostaleiro agocha a súa propia receita como un segredo. Este é o principal reclamo da festa e tamén da vila ao longo do ano. O segundo sábado do mes de xullo aparece este evento gastronómico nas guías e cadernos das festas do noso país. Este ano, a festa acada o seu vixésimo aniversario, consolidándose como unha cita clave no calendario festivo do verán galego.
Como antesala da festa, este venres actuará o grupo Caribe Son no Cantón de Cora, a partir das dez da noite con entrada de balde. O sábado, día da festa de exaltación gastronómica, comezará ás doce e media a venda de tickets e a partir da unha do mediodía comezará a degustación do polbo cociñado "á mugardesa" na carpa situada no parque da Constitución. Calcúlase que se serverán arredor de 3500 racións a 9 euros cada unha, manténdose o prezo de anos anteriores. Como agasallo obterán o prato e a taza conmemorativa. Inclúese pan, viño e auga. Ademais repartiranse racións de empanada de polbo a 2 euros. Durante toda a xornada a Charanga TNT porá a nota musical. Ás once da noite comezará a verbena coa actuación do grupo Los Players.
Segundo o concelleiro de cultura de Mugardos, Xosé Antón Bouza, a desgutación serverá para darlle vida aos hostaleiros da vila que colaboran neste evento. “Os visitantes que se acheguen este sábado a Mugardos poderán visitar os numerosos bares do peirao e axudar a súa economía”, sinalou o edil en Radiofusión.
O domingo, a partir das dez da mañá, ábrese na mesma carpa da Praza da Constitución a II Feira de oportunidades organizada pola Asociación de empresarios/as de comercio e hostaleria de Mugardos en colaboración co Concello de Mugardos. Ata as sete da tarde os comerciantes rebaixarán os seus produtos para promover a súa economía e goce dos visitantes. Os máis pequenos tamén poderán disfrutar dun teatro de rúa co grupo os Ghazafelhos e dunha representación teatral “Contos para escagarriñarse”. Será ás nove da noite no peirao da vila.
Coa recén declaración de festa de Interese Turístico Galego aínda é moi cedo para pensar no recoñecemento de Interese Turístico Nacional. “Algo factible pero no que hai que traballar. Trátase dunha carreira de obstáculos que enfrontamos coa mirada posta nas vodas de ouro. A ver si daquela a Festa do Polbo de Mugardos obtén esta distinción”, salientou.
Radifusión
Sem comentários:
Enviar um comentário